Uns 300 porcinocultores e veterinarios de vacún acudiron as xornadas técnicas en Cimag-GandAgro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Monográfico porcino

Monográfico porcino

Cerca de 300 porcinocultores e veterinarios de vacún acudiron esta mañá as xornadas técnicas dirixidas a eles que se celebraron no marco da Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, a cal se celebra dende onte ata mañá na Feira Internacional de Galicia.

Así, o XIX Monográfico de Gando Porcino, cita xa consolidada no sector organizada pola ADS de Porcino de Silleda, contou coa asistencia de máis de 200 porcinocultores que quixeron coñecer aspectos de interese para a produción nas súas explotacións.

O primeiro dos relatorios centrouse nos “Puntos críticos en maternidade”, sendo impartido por Alberto Finestra, de Technical Support Consulting, quen valorizou os puntos críticos que afectan aos leitóns dende o seu nacemento ata os seus 24-25 primeiros días de vida (momento do destete) e explicou aspectos que poden axudar a solventalos e acadar á supervivencia dun maior número deles, tales como a calidade da temperatura, condicións das instalacións ou optimización da hixiene para evitar a transferencia de enfermidades. A segunda das conferencias abordou as “Diarreas neonatais e post-destete”, de man de Enric Marco, consultor porcino de MarcoVetgrup, quen debullou o por que desta patoloxía con incidencia frecuente nas granxas e as medidas que se poden tomar para solucionala.

Por outra banda, o certame acolleu esta mañá a II Xornada técnica para Veterinarios Especialistas en Vacún, na cal estes profesionais se reuniron para analizar diversos temas vinculados co seu ámbito de traballo que foron debullados en catro relatorios conducidos por catro expertos nacionais.

Inaugurouse co relatorio “Contaminacións alimentarias: xestión do risco”, impartido polo leonés José Manuel Vidal, veterinario técnico en alimentación de Inatega; e seguiuno o centrado no “Plan Estratéxico para reducir o risco de selección e diseminación de resistencia a antibióticos”, de man da xefa de servizo de Medicamentos Veterinarios da Agencia Española de Medicamentos, Cristina Muñoz. A continuación Antonio Jiménez, de Ceva falou sobre “¿Cuál es el perído de espera voluntario ideal para tu rebaño lechero?” rematando a xornada co relatorio “Manexo e control de rabaños con St. Uberis”, dirixido polo especialista galego Xabier Bermúdez Salgueiro, de Farm-Vet Asesoramiento.

A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia patrocinará esta xornada no seu conxunto, mentres que os distintos relatorios, e tamén a pausa-café, estarán patrocinados por distintas entidades do eido veterinario, como son os laboratorios Hipra, Ceva e Calier e as empresa de produtos veterinarios Inatega, Silvet e Hayedo.

As conferencias, protagonistas da mañá

Además destas dúas xornadas, o programa de Cimag-GandAgro 2015 acolleu esta mañá outras propostas para coñecer e analizar o sector.

Así, nas xornadas organizadas pola cooperativa Delagro abordouse a importancia na conservación de forraxes, por parte de Mario García, director técnico 3F Technology; e os aspectos a tener en conta na fase vexetativa do cultivo do millo, sendo Pedro Martins, do departamento técnico de Syngenta, o encargado de explicalos.Por último, os asistentes puideron coñecer nvos conceptos na fertilización, de man do director do Departamento Agronómico de Yara Iberian, Luis Ángel López.

En canto ás xornadas técnicas de Cimag 2015, Luis Márquez, presidente de AENOR/CTN 68 “Tractores y maquinaria agrícola”, explicou a situación actual da mecanización en Galicia e falou do futuro da mecanización na comunidade e da novidades tecnolóxicas do sector.Por outra banda, Ignacio Ruiz, secretario xeral da Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal y de Espacios Verdes (Ansemat), abordou noutro relatorio a normativa para a inspección técnica e a circulación de maquinaria agrícola que entrou en vigor recentemente e que afecta a remolques, motocultores e outra maquinaria moi frecuente en Galicia.

20 de febreiro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.