Unha aplicación informática permite aos gandeiros o control total da súa explotación dende o móbil

Entrega do premio á innovación
A aplicación informática T4C INHERD da firma Lely, presentada por Agrotec Entrecanales, resultou gañadora no concurso de innovación tecnolóxica GandAgro Innova 2015, cuxos galardóns foron fallados esta mañá e entregados esta tarde na Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, a cal se celebra dende hoxe ata o sábado na Feira Internacional de Galicia.
Trátase dunha aplicación informática desenvolvida para os teléfonos móbiles intelixentes (Smartphone) mediante a cal o gandeiro ten o control total da súa explotación no móbil en calquera momento e lugar. Toda a información interna da granxa, animais, muxidos e máquinas procésase e almacénase a través do sistema informático T4C. A granxa dotada con este dispositivo dispón de acceso estable a internet, sendo parte da información que se xera almacenada na nube Lely e recibida polos gandeiros ou asesores perfectamente actualizada e procesada.
Segundo o xurado, foi merecedora do premio polo seu “carácter innovador aplicando as novas tecnoloxías na tendencia das app de Smartphone para optimizar a eficiencia e funcionamento das explotacións gandeiras”
Por outra banda, unha das dúas mencións foi para o Proxecto Profer, de Delagro Sociedad Cooperativa, cuxo obxectivo principal é establecer formulacións (contido e equilibrio) de abonos compostos máis adecuados aos cultivos forraxeiros tendo en conta o seu manexo nas explotacións de vacún. O xurado destacouna “por desenvolver e integrar un software específico para Galicia e a cornixa cantábrica e a súa aportación á mellora dos coñecementos edafoclimáticos e a súa sensibilidade co medio ambiente”
A outra das mencións recaeu no sistema Coloquick para desconxelar o calostro e quentalo para os becerros, da empresa Frior, o cal está pensado para dar un calostro de calidade aos animais na súa primeira hora de vida. Conxélase en bolsas específicas con capacidade para catro litros, as cales se sacan do conxelador e permiten que en 15 minutos o calostro esté listo, conservando todas as inmunoglobinas. Foi merecedor deste galardón “por abordar unha temática con pouca proliferación actualmente e redundando nunha mellora do estado sanitario das explotacións”
No concurso participaron un total de 10 innovacións orientadas a mellorar o rural e optimizar os seus recursos, as cales se exhiben na área expositiva.
Estas propostas foron xulgadas por 7 expertos pertencentes á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia, Axencia Galega de Innovación, Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Consello Superior de Investigacións Científicas de Galicia, Parque Tecnolóxico de Galicia, Escola Politécnica Superior de Lugo e Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
Os premios foron entregados esta tarde por Alfonso Rueda, Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Presidente da Fundación Semana Verde de Galicia
Aposta pola innovación
Ademais deste concurso, esta feira de maquinaria, agricultura e gandería celebrou outro certame centrado na innovación, o “Maquinas Destacadas 2015”, destinado a premiar as innovacións tecnolóxicas en maquinaria destacadas polos seus avances en deseño, prestacións e calidade do traballo. Nel foron premiadas 12 propostas das 21 presentadas.
Ambos concursos, aos cales concorreron un total de 31 innovacións presentadas por 17 empresas que participan na área expositiva, son unha mostra da aposta de Cimag-GandAgro 2015 por potenciar a innovación no sector agrogandeiro.











