Un total de 22 persoas fórmanse no obradoiro de emprego “Curota” no que se invisten 200.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRiveira
A-
A+
Belén do Campo na visita aos traballos

Belén do Campo na visita aos traballos

Un total de 22 persoas desempregadas están a participar no obradoiro de emprego “Curota”, impulsado conxuntamente polos concellos da Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro e Rianxo. A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron hoxe esta iniciativa, na que o Goberno galego está a investir preto de 200.000 euros. Este programa, que está en marcha desde setembro, ofrece aos alumnos a posibilidade de acceder a un posto de traballo, ao tempo que reciben formación especializada.

Neste caso, o alumnado está a especializarse en pavimentos e albanelería de urbanización. Os participantes obterán un certificado de profesionalidade de validez nacional, que “enriquecerá de forma moi significativa” o currículo de todos eles e que, polo tanto, contribuirá a mellorar a súa empregabilidade, segundo indicou a directora xeral.

Outra das vantaxes dos obradoiros de emprego é que permiten a realización de obras ou servizos para a comunidade. Neste ocasión, está a posibilitar a renovación do pavimento das beirarrúas na avenida da Coruña de Ribeira e a instalación da rede de pluviais desde a rotonda do paseo marítimo de Coroso e a rúa Lagareu, da mesma localidade. Así mesmo, na Pobra do Caramiñal renovaranse as beirarrúas e o saneamento dos pluviais no Lugar da Silva; mentres que en Boiro, ademais de renovar as beirarrúas, executaranse os pasos de peóns accesibles na estrada principal de Escarabote.

Por último, en Rianxo realizaranse melloras viarias e de accesibilidade no cruce do Pazo do Tanatorio, na rúa Autores da Rianxeira, na rúa Xosé María Brea Segade, na rúa Godiños, na rúa Rosalía de Castro e na praza Castelao.

Nos últimos seis meses desenvolvéronse en toda Galicia 53 obradoiros aos que o Goberno galego destinou 9,6 millóns de euros. Con este financiamento acadouse a participación de 1.300 galegos e galegas. Á provincia da Coruña destináronse 2,8 millóns de euros co que se financiaron 15 obradoiros e participaron 32 concellos e 315 alumnos.

Ana Díaz explicou que en 2015 a orde de obradoiros, publicada en xaneiro, está blindada e permitirá a posta en marcha de novo de 50 programas mixtos. A esta convocatoria súmase este ano unha orde específica de obradoiros para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, e que dispón dun orzamento de 4,7 millóns de euros. Polo tanto, o investimento ascenderá a case 15 millóns, e permitirá a posta en marcha de 70 obradoiros durante este ano.

25 de febreiro de 2015 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.