Torneiros reuniu aos mellores cultivadores de camelia da provincia

Mostra da camelia
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, presidiu esta mañá ao acto inaugural da cuarta edición da “Mostra da Camelia en Torneiros” que tivo lugar no local social da Asociación de Veciños de San Salvador de Torneiros, acompañado pola presidenta da asociación, Patricia Pampillón, o presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Torneiros, Francisco Javier Soliño, e membros da corporación local e da xunta directiva da asociación.
Este evento, organizado pola asociación de veciños en colaboración co Concello do Porriño, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes en Man Común de Torneiros, gaña forza cada ano, véndose incrementado non só o número de expositores senón tamén a calidade, beleza e variedade dos exemplares expostos.
O alcalde, Nelson Santos, aproveitou para felicitar publicamente aos organizadores pola calidade da mostra “quero trasladar o meu máis sincero parabén á asociación de veciños de Torneiros, en especial á súa presidenta Patricia Pampillón polo labor que desenvolven na asociación, unha asociación veciñal dinámica e que fai de lazo de unión de todos os veciños da parroquia de Torneiros, á Comunidade de montes de Torneiros e a todos os participantes que fan posible, que un ano máis nos encontremos aquí presentando esta mostra”.
Pola súa banda, Patricia Pampillón, quixo dar as grazas en nome da directiva, “a todos os colaboradores pola disposición que sempre teñen á hora de poñer en marcha esta mostra, en especial a Matilde, a persoa que se encarga en nome da asociación a representar a parroquia. Un ano máis, agradecer ao Concello do Porriño, en especial ao alcalde e ao concelleiro da nosa parroquia, a colaboración e interese que sempre mostran coas necesidades de Torneiros e á Comunidade de Montes, que día a día nos botan unha man para continuar traballando polos veciños desta parroquia. “
Patricia, quixo destacar tamén o altruísmo dos participantes, “é moi loable a amabilidade e disposición que nos ofrecen sen pedir nada a cambio, dedicando o seu tempo e cariño para que hoxe poidamos considerar esta beleza”.
Hoxe sábado, ás 16:30 horas a exposición abrirá as súas portas ao público ata as 20:00 horas, permanecendo exposta toda a xornada do domingo en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Mañá pola tarde, de 16:30 a 19:00 horas o Mago Baco e o pallaso Calcetín, xunto con varios talleres de animación, divertirán aos máis pequenos mentres os maiores gozan da exposición.
Torneiros conta xa nas súas filas cos mellores cultivadores da provincia
Este certame partiu dunha iniciativa que, hai catro anos, propuxo Elena Valcárcel, unha grande afeccionada a esta flor, manténdose dende entón pola grande afluencia de público e expectación que xera. Actualmente, cun total de 25 expositores, Torneiros conta xa nas súas filas cos mellores cultivadores da provincia, dende membros da propia asociación que achegan o seu granito de area con exemplares propios, cultivadores con experiencia en diversas mostras cuxos nomes son xa un referente no mundo do culto a esta flor.
A afección polo cultivo da camelia xera curiosos exemplares de camelia, da que existen máis de 250 variedades diferentes. Nesta mostra podemos encontrar un amplo abano de especies, cores e formas, así como unha coidada presentación nas composicións florais.
No noso municipio o culto a esta flor é unha arraigada tradición, ao ser esta unha zona de condicións idóneas para o seu cultivo. Por iso, danse casos como o da moza Ana Fernández, veciña de Atios que, con só 12 anos, xa participou en diferentes mostras a nivel nacional. Ao lado do expositor de Ana, podemos encontrarnos co dunha veterana, Conchita Sarmiento, veciña de Arbo, que aos seus máis de 80 anos é todo un referente no que ao cultivo da camelia se refire.
Unha das novidades desta cuarta edición é a presentación da marmelada de camelia, elaborada pola bióloga Elena Español Álvarez que ofrece unha degustación gratuíta a todo aquel que queira probar este innovador doce.











