Todo preparado para Cimag-GandAgro que contará con 394 firmas expositoras de 23 países e un amplo programa de actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Europa Press
Vista GandAgro 2014

Vista GandAgro 2014

A Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, abrirá as súas portas dende mañá ata o sábado coa presenza de 394 firmas expositores de 23 países (Alemaña, Austria, Bélxica, Canadá, Corea do Sur, Dinamarca, EE.UU, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, Holanda, India, Irlanda, Israel, Italia, Noruega, Nova Zelanda, Polonia,Portugal, Reino Unido, Suecia e Turquía). Destas firmas, 168 son expositores directos e os restantes indirectos.

Estes expositores, entre os que se encontran moitas das empresas máis importantes do sector a nivel nacional e internacional, ocuparán os dous pavillóns principais do recinto Feira Internacional de Galicia, sendo a superficie bruta da exposición de 21.300m² e a neta de 10.706m².

Cimag-GandAgro 2015 é a primeira cita desta feira nacida da fusión de dous recoñecidos certames do sector primario, o Monográfico da Gandería e a Agricultura (GandAgro) e o Certame Internacional de Maquinaria Agrícola (Cimag) e convértese no único espazo especializado que une nunha soa cita a estes tres sectores.

Así, ofrecerá aos visitantes unha gran diversidade de produtos e novidades de, entre outros ámbitos, sanidade e hixiene animal, nutrición, fertilizantes e sementes, xenética, animal vivo, equipamentos para agricultura e gandería, sistemas de muxido, tractores e motocultores, maquinaria para explotacións gandeiras, de recolección e postrecolección, de preparación de solo; de semente, plantación e abonado; e de protección de cultivos, ademais de compoñentes e accesorios.

A feira será inaugurada mañá ás 12:00 horas pola Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, quen estará acompaña de diversas autoridades. No seu percorrido pola feira a Conselleira participará na entrega dalgúns dos premios do concurso de innovación “Maquinas Destacadas 2015”, xunto co xurado do mesmo.

Un amplo programa con gran interese

En canto ás actividades do certame, o seu programa estará conformado por un importante número de propostas de interese para agricultores, gandeiros e profesionais de diversos ámbitos dentro do sector primario.

Respecto ás xornadas técnicas, no seu marco celebraranse máis de 20 conferencias que converterán a Cimag-GandAgro 2015 nun interesante foro de análise e coñecemento. Así, acollerá a II Xornada Técnica para Veterinarios Especialistas en Vacún, na cal as contaminacións alimentarias, a resistencia a antibióticos, períodos de espera en función das taxas de concepción e o control de rabaños coa bacteria uberis serán os temas centrais; e tamén o XIX Monográfico de Gando Porcino, que abordará aspectos técnicos de gran interese para o incremento da supervivencia dos leitóns.

Unirase a elas unha xornada centrada nas perspectivas do sector lácteo español ante un futuro sen cotas, na que se tratarán temas de máxima relevancia, como o sector lácteo en Galicia ante un escenario liberalizado. Ademais, celebraranse xornadas en cuxas conferencias se expoñerá a conservación de forraxes, novos conceptos de fertilización, a situación actual da mecanización en Galicia, a normativa para a maquinaria ou a potencialidade do porco celta, ademais dun encontro que tratará distintos aspectos da Semana Verde de Galicia, como a súa incidencia no campo galego ou o seu futuro.

Os concursos tamén terán un papel importante dentro de GandAgro, celebrándose os morfolóxicos XXXIII Concurso Internacional e XXIV Autonómico da Raza Frisona, nos cales están inscritos 187 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal; o VIII de Preparadores de Gando, no cal participarán 17 xóvenes de Galicia, Illas Baleares e Portugal, e o XXXI de Xóvenes Manexadores. Así mesmo, levaranse a cabo dous concurso que premiarán innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, “GandAgro Innova 2015” e “Máquinas Destacadas 2015”, aos cales concorren 30 propostas.

Nas presentacións os protagonistas serán tanto produtos, como un innovador insecticida para o cultivo do millo e unha nova gama de pneumáticos para o sector, como técnicas vinculadas co ámbito gandeiro, como a equitación terapéutica con cabalos de pura raza galega. Ademais, levaranse a cabo exposicións de todas as razas autóctonas en perigo de extinción e tamén sorteos, coma o dunha viaxe a un país da Unión Europea para visitar as súas mellores explotacións de vacún.

Serán máis de 60 expertos de distintos ámbitos dos sectores da maquinaria, a agricultura e a gandería os que conduzan ou participen na realización das conferencias, concursos, presentacións e exposicións.

Por outra banda, a este completo programa uniranse moitas actividades realizadas polos propios expositores nos seus stands.

Referente sectorial

A unión na área expositiva de Cimag-GandAgro 2015 dunha ampla oferta en maquinaria, agricultura e gandería e o seu completo programa de actividades farán que este certame constitúa un espazo de referencia sectorial polo seu valor como centro de negocios para o sector e como espazo de encontro para agricultores, gandeiros, importadores, distribuidores, fabricantes, expertos e Administración.

18 de febreiro de 2015 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.