Silleda exporta o Entroido da Ulla ao CEIP Xoaquín Loriga de Prado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínSilleda
A-
A+

O CEIP Xoaquín Loriga de Prado celebra mañá venres unha xornada adicada ao Entroido da Ulla, que ten como obxectivo coñecer en profundidade esta tradición. A actividade chega en colaboración do Concello de Silleda, co CEIP da Bandeira, que aporta o traballo de investigación realizado polo centro en 2014, o grupo Xenerais da Ulla, con información das unidades didácticas e os xenerais de Dornelas, que aportan un traxe.

Así, e partindo do Traballo e Videos aportados polo Ceip da Bandeira e das Unidades Didácticas e dos Caderniños elaborados polo Grupo dos Xenerais da Ulla baixados do www.xeneraisdaulla.com realizaranse varias actividades na xornada de mañá no centro de Prado. Ás 10,30 horas tres alumnos de sexto iran polas aulas dando Vivas segundo o antroido traidicional e vestidos cos traxes que confeccionaron os alumnos nos últimos días . Serán acompañados por un Mestre, vestido de Xeneral   cun traxe orixinal cedido polos xenerais de Dornelas. Despois, ás   11,30 horas celebrarase unha xuntanza na Biblioteca do centro, onde as clases exporán públicamente o seu traballo realizado.

Esta actividade apóiase fundamentalmente sobre dous piares: o traballo de investigación realizado polo Ceip da Bandeira no 2014 e as Unidades Didácticas elaboradas polo Etnoga coa supervisión, patrocinio e edición dos Concellos que integran o Grupo dos Xenerais da Ulla: Silleda, Boqueixón, A Estrada, Santiago, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces

Gran traballo do CEIP da Bandeira

Sobre o gran labor educativo realizado polo Ceip da Bandeira no Curso 2013-2014, salientar que profundizou na investigación de todos os elementos do entroido da zona, entre os que destaca, loxicamente os Xenerais da Ulla, cuxa representación no Concello ten como referentes A Bandeira e Lamela.

Este traballo, pódese ver na Biblioteca do Centro Educativo e foi presentado dentro da súa memoria anual dentro do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares.

Foi elaborado polo conxunto do alumnado guiado polos seu mestres, que comprendía 9 niveis, 3 de Infantil e 6 de. Primaria.

O desenvolvemento dos traballos foi perfectamente distribuido de maneira que,

o primeiro grupo, Infantil, abordou de forma conxunta a investigación sobre os traxes máis significativos de Entroido ullán, é dicir: o Xeneral, o Correo, o Centinela e o Abandeirado.

O segundo grupo, de Primaria dividiu os temas e os seus traballos de Investigación entre os seis niveis, por esta orde de menor a maior; 1º.- Os Bandos, 2º.- Os Vivas, 3º.-Elementos básicos do Antroido da Ulla, 4º.- Os Altos, 5º.- Lugares de celebración do Antroido da Ulla e 6º.- Orixe do Alto dos Xenerais.

Cada traballo foi exposto de maneira oral na Biblioteca e finalmente fíxose unha recopilación   de todo, nun único e completo volume que quedou depositado no Departamento para a súa consulta.

Ao mesmo tempo exhibíronse traxes orixinais propiedade dos Xenerais da Bandeira e por parte dos alumnos compuxéronse arengas que logo foron botadas no Alto Infantil celebrado na Praza da Feira da Bandeira con oito rapaces de sexto que se presentaron voluntarios.

Alto Infantil na Bandeira este sábado

Este ano, o Alto Infantil será escenificado por 6 alumnos e alumnas, tamén de sexto de primaria do Centro o próximo sábado 14 de febreiro, que xa levan máis dun mes preparando os seus versos e representándoos na Biblioteca diante do resto dos compañeiros e compañeiras.

O Grupo dos Xenerais da Ulla, ( Boqueixón, A Estrada, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces) quere agradecer o esmero e celo posto polos Claustros para o a celebración deste entroido, na seguridade de que estas actividades favorecerán o seu coñecemento e en consecuencia a súa supervivencia no tempo.

12 de febreiro de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.