Riveira decántase pola fórmula dun operador único para a xestión do novo mercado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

A construción do novo mercado municipal de Riveira está enfilando xa a súa recta final e o alcalde Manuel Ruiz quixo efectuar unha visita cos medios informativos co obxecto de amosarlles o interior desta edificación, que está integrada no proxecto Riveira Atlántica 2015 e cofinanciada nun 70% con fondos europeos FEDER.

Este evento ten lugar no marco dunha rolda de visitas coas que tamén se lles deu a coñecer as prestacións e posibilidades do inmoble, por unha parte, aos praceiros e praceiras que operan actualmente no mercado provisional (a finais de xaneiro) e, por outra, a posibles interesados en situarse no edificio.

Versátil

A instalación consta dunha planta baixa, tres plantas superiores e un ático-terraza, así como unha planta soto. O ano pasado realizouse unha modificación sobre o proxecto inicial que permitiu una maior flexibilidade e versatilidade de usos, posibilitando que un mesmo espazo poida albergar utilidades distintas en función da demanda.

Sobre esta base, Manuel Ruiz explicou que a idea inicial coa que está a traballar o Concello é que a xestión do inmoble sexa conxunta, de tal xeito que sexa un operador único o que xestione a totalidade do edificio, sempre tendo en conta que os praceiros e praceiras irán todos ubicados na planta baixa tal e como foi a súa vontade e se aprobou en pleno.

A este respecto, Ruiz Rivas subliñou que o obxectivo que pretende o Concello con este mercado é asegurar a súa rendabilidade, pero á vez que xere actividade económica e postos de traballo no municipio, tal e como se fixo con outras iniciativas como o novo matadoiro.

Así, o resto das plantas terán dúas dedicacións: vender outros produtos non pereceidos complementarios aos da planta baixa e, na parte alta do edificio incluíndo a terraza, desenvolver actividades de hostalería e restauración.

Alternativa

No caso de que esta idea non frutificase, o Concello manexa unha alternativa: licitar os usos do edificio planta por planta, ubicando negocios complementarios (unha papelería, unha panadería…) e situando tamén locais de hostalería e restauración de acordo co modelo doutros mercados de referencia como San Antón en Madrid.

O Executivo sacará a concurso a xestión do edificio nas próximas semanas coa idea de que puidese entrar a funcionar antes do verán, sempre que o permitan os distintos trámites administrativos, obtención de licenzas sanitarias e de industria, etc. De non ser posible, a apertura adiaríase ao mes de setembro, xa que o verán é a época de maior actividade económica do ano para os praceiros.

18 de febreiro de 2015 | 20:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.