Riveira conmemorará o Día de Rosalía cunha actividade musical dirixida aos alumnos de secundaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira vai conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro a través dunha proposta cultural destinada aos alumnos de Secundaria dos distintos centros do municipio.

Trátase da actividade musical “Na lingua que eu falo”, que terá lugar mañá ás 12 do mediodía no Auditorio e contará coa asistencia de 278 rapaces procedentes de IES Número 1, IES Leliadoura, CIFP Coroso e colexio Bayón.

Najla Shami á voz e Héctor Lorenzo á guitarra serán os encargados de ofrecer esta actuación que está previsto se prolongue ata as 13 horas para establecer a continuación unha pequena charla coloquio sobre a figura e a obra rosaliana. Está prevista a presenza da concellería de Educación Maricarmen Vizcaya.

Cómpre lembrar que a Corporación Municipal de Riveira aprobou en sesión plenaria e por unanimidade o 24 de xaneiro de 2014 a conmemoración do Día de Rosalía cada 24 de febreiro coincidindo coa data de nacemento da poetisa.

23 de febreiro de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.