Pregoeiros de excepción no Entroido do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Pregoeiros do Entroido do Porriño

Pregoeiros do Entroido do Porriño

Tras ter que pospoñer todas as actividades programadas a causa do mal tempo, o Entroido chega ao Porriño por fin e faino ao grande da man duns pregoeiros de excepción. Acompañados polo alcalde do Porriño, Nelson Santos, o concelleiro de Festexos, M. Alejandro Lorenzo e outros concelleiros do Goberno Local, os alumnos do CEIP Antonio Palacios leron o seu pregón dende o balcón da Casa Consistorial ante a atenta mirada das numerosas persoas que abarrotaban a praza Arquitecto Antonio Palacios, para dar a benvida á que para eles é “a mellor festa do ano”.

Nese sentido os pequenos describiron o espírito do Entroido como algo asombroso, “en Entroido todos somos iguais, todos somos persoas disfrazadas, non hai clases, só ganas de gozar, reir e troulear “, rezaba o seu pregón, “son días de confraternidade e de coller algún quiliños de máis a base de orellas, filloas e flores”.

Antonio, Noemí, Denís, Lucía, David, Claudia, Ana e Raquel gozaron ao máximo do seu momento, e aínda que un pouco nerviosos ao principio, os días de ensaio deseguida deron os seus froitos e souberon trasmitir á perfección o entusiasmo que debe reinar nestas datas, “No Porriño, a felicidade do Entroido é abraiante polos seus coloridos disfraces que son impresionantes. “, e tiveron palabras de recordo para un clásico do Entroido porriñés, “Aiii, CORES CORES!!! Como vos botamos en falta! “.

Os pregoeiros fixeron varios acenos a eventos como Porrigalia ou a Interrunning, nun pregón impregnado de tenrura e ilusión que concluíu anunciando que “o carnaval xa chegou oa Porriño” e invitando a todo o mundo a gozar del.

17 de febreiro de 2015 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.