Os veterinarios de vacún reuniranse en Cimag-GandAgro para analizar con expertos nacionais e internacionais diversos aspectos da súa actividade
A Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, a cal se celebrará do 19 ao 21 de febreiro na Feira Internacional de Galicia, converterase nun foro de referencia para os veterinarios de vacún do noroeste peninsular.
Así, o certame acollerá a II Xornada técnica para Veterinarios Especialistas en Vacún, na cal estes profesionais se reunirán para analizar diversos temas vinculados co seu ámbito de traballo que están de actualidade e son de gran interese para a súa actividade.
A xornada, fixada para o día 20 de febreiro e dirixida exclusivamente a eles, dará así continuidade a unha cita que contou con gran éxito na súa primeira edición, reunindo a máis de 100 veterinarios. Nesta ocasión estará conformada por catro relatorios conducidos por tres expertos nacionais e un internacional.
A primeira das conferencias versará sobre “Contaminacións alimentarias: xestión do risco” e será impartido polo leonés José Manuel Vidal, veterinario técnico en alimentación de Inatega; mentres que a segunda expoñerá o “Plan Estratéxico para reducir o risco de selección e diseminación de resistencia a antibióticos”, de man da xefa de servizo de Medicamentos Veterinarios da Agencia Española de Medicamentos, Cristina Muñoz.
Durante o seu transcurso a xornada tamén contará coa presenza do brasileiro Álex Souza, da DVM Universidad de California, quen falará do “Período de espera voluntario en función das taxas de concepción”.
O último dos relatorios abordará o “Manexo e control de rabaños con St. Uberis” e estará dirixido polo especialista galego Xabier Bermúdez Salgueiro, de Farm-Vet Asesoramiento.
A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia patrocinará esta xornada no seu conxunto, mentres que os distintos relatorios, e tamén a pausa-café, estarán patrocinados por distintas entidades do eido veterinario, como son os laboratorios Hipra, Ceva e Calier e as empresa de produtos veterinarios Inatega, Silvet e Hayedo.











