Os profesionais do agro coñeceron en Cimag-GandAgro novos conceptos de fertilización
A Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, a cal se celebra ata mañá na Feira Internacional de Galicia, acolleu esta mañá unha xornada técnica organizada pola cooperativa Delagro, a cal se centrou en tres aspectos relacionados coa forraxe, o cultivo do millo e a fertilización. (Adxúntase fotografía)
Así, o primeiro dos seus relatorios versou sobre a importancia na conservación de forraxes, e foi impartida por Mario García, director técnico 3F Technology. A continuación abordáronse os aspectos a ter en conta na fase vexetativa do cultivo do millo, sendo Pedro Martins, do departamento técnico de Syngenta, o encargado de debullalos.
Por último, os asistentes a esta xornada puideron coñecer novos conceptos na fertilización, de man do director do Departamento Agronómico de Yara Iberian, Luis Ángel López.











