publicidade hoxe

Os escolares do Porriño convértense en chefs por un día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Obradoiro de cociña no Porriño

Obradoiro de cociña no Porriño

Un grupo de escolares de cuarto de primaria do CEIP Antonio Palacios gozou hoxe dunha mañá do máis divertida converténdose en xefes de cociña por un día. Os pequenos pasárono en grande aprendendo a elaborar diferentes pratos, que máis tarde puideron degustar, na primeira das xornadas do “Obradoiro de Cociña Infantil” impartido polos alumnos do curso de Animación Sociocultural do Obradoiro de Empleo “Porremprego II” no Multicentro de Torneiros.

Así, ás 10:30 horas asumiron o seu papel de cociñeiros ataviados con mandís e gorros de cociñeiro que eles mesmos fabricaran e, tras lavarse ben as mans, se puxeron mans á obra. Pizza vexetal, empanadillas de soia e o prato típico destas datas, as orellas de carnaval, compuxeron o menú que os pequenos elaboraron dende cero descubrindo novas texturas e sabores, nunha xornada na que o traballo en equipo, o empeño e a creatividade foron os protagonistas.

Os futuros cociñeiros recibiron ilusionados a visita do alcalde do Porriño, Nelson Santos, e o concelleiro de Emprego e Formación, M. Alejandro Lorenzo, aos que explicaron con detalle como elaboraran o menú e todo o que aprenderan na súa primeira experiencia entre fogóns.

“Con actividades lúdico-educativas como esta perséguese espertar nos nenos a curiosidade pola cociña”, explica o rexedor, Nelson Santos, “Mentres pasan un anaco divertido aprenden a valorar a comida, a importancia do traballo en equipo e adquiren valores como a limpeza e a orde.”.

O resultado final foi inmellorable e os futuros xefes de cociña fixeron as veces de comensais do seu propio restaurante, invitando o alcalde e o edil a degustar con eles os pratos que elaboraran.

Esta foi só a primeira das xornadas destes Obradoiros, pois o próximo día 11 outro grupo de alumnos do CEIP Antonio Palacios participará na actividade e, o día 25 de febreiro serán 15 nenos de 3 anos da Escola Infantil Galiña Azul de Torneiros que o fagan aprendendo a elaborar galletas con formas e pan.

4 de febreiro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.