O Porriño volverá vestirse de Entroido para axudar aos que máis o precisan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Máis de 500 persoas tomarán este sábado as rúas do Porriño para tinguir a nosa vila de cor e solidariedade, no desfile que pon o broche final ao Entroido deste ano. Con tal motivo, a Casa Consistorial acolleu esta tarde a presentación do primeiro Desfile Solidario de Comparsas do Concello do Porriño, unha innovadora iniciativa que nace cun encomiable fin, axudar ás familias máis necesitadas do noso municipio. O alcalde do Porriño, Nelson Santos, presidiu este acto acompañado por Ana Martínez, concelleira de Educación, Teresa Veloso, concelleira de Benestar Social, Benito García, Presidente do programa municipal de alimentos SOS Porriño, e por unha colorida representación das comparsas participantes.

O rexedor quixo en primeiro lugar poñer en valor esta iniciativa, “Dende o primeiro momento en que se puxo enriba da mesa este extraordinario evento tivo o meu total apoio e respaldo. Sen desmerecer ao resto de actividades que se celebraron e que contaron cunha incrible resposta, esta é para min, polo fin co que nace, o evento máis importante do Entroido de Porriño,”, e concluíu, “Como alcalde só me resta aplaudir iniciativas como esta nas que todos podemos poñer o noso granito de area para axudar ás familias que aínda están a pasar momentos difíciles”.

Así, este sábado ás 20:00 horas as comparsas “Talismán” de San Esteban de Budiño, “Revolution Espectáculo” de Tomiño, “Moulin Rouge” da AAVV A Nosa Terra de Pereiras e “Pedra Moura” da Asociación Cultural Os Penediños de Atios, entre outras, percorrerán o centro de Porriño co obxectivo de recadar o maior número de alimentos para o programa municipal de alimentos SOS Porriño. Para iso, ao longo de todo o percorrido, que empeza na Praza de San Sebastián e finaliza na Praza Arquitecto Antonio Palacios, se habilitarán diferentes puntos de recollida onde todo aquel que queira colaborar pode deixar un quilo de alimentos non perecedoiros. Nesta ocasión, requírese preferiblemente leite e alimentos para bebés, ao existir unha importante demanda destes en SOS Porriño.

25 de febreiro de 2015 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.