O Porriño retoma a programación do Entroido
Despois de que o mal tempo non dese tregua o pasado fin de semana, obrigando a aprazar todos os actos do Entroido 2015, O Porriño retoma mañá a celebración cunha programación festiva e cargada de entretidas propostas para todos os públicos.
Deste xeito, o Entroido porriñés quedará oficialmente inaugurado mañá ás 12:30 horas coa lectura do Pregón do Entroido, a cargo dos nenos do CEIP Antonio Palacios, que xunto á animación de rúa e os talleres infantís servirán de antesala ao primeiro Gran Desfile de Comparsas que arrincará ás 18:00 horas da Praza de San Sebastián. O broche final a esta primeira xornada poñerano os nenos ao terminar o desfile co Concurso de Coplas Infantís.
O mércores e o xoves a animación de rúa e os talleres infantís de Entroido encargaranse de dar continuidade á celebración, mentres a xornada do venres chega cargada de actividades ao celebrarse o Desfile Solidario de Comparsas e a Carreira Popular na que todos os participantes deberán correr disfrazados e haberá premios ao mellor atuendo. O venres tráenos tamén unha novidade, e é que a Praza Arquitecto Antonio Palacios acollerá unha festa temática onde a música Disco será a protagonista.
Xa o sábado, 21 de febreiro, retómanse as actividades aprazadas o pasado fin de semana. Así, ás 16:00 horas disputarase a 72 edición do Xogo da Ola e ás 18:00 horas as 22 comparsas que desfilarán polas nosas rúas sairán do Polideportivo Municipal, acompañadas pola Rondalla Santa Eulalia de Atios e “O Circo das Pirilampos”. Tralo desfile, celebrarase o concurso de Coplas de Adultos e xa pola noite, poderemos gozar da verbena.
Como punto e final destes sete días de Entroido, O Porriño enterrará á Sardiña o domingo 22, celebrando un velorio no seu honor, ás 17:00 horas no Círculo Recreativo Cultural, e a posterior lectura de Testamento a modo de despedida, antes de ser arroxada ás augas do río Louro, como marca a tradición.
Unha programación na que os nenos volven ser protagonistas
Unha vez máis, os máis pequenos da casa son protagonistas indiscutibles da programación elaborada polo Concello do Porriño, ao contar con numerosas actividades especialmente deseñadas para eles, que van desde talleres de disfraces e maquillaxe, animación de rúa e diferentes xornadas de xogos e dinámicas. Pese a que a choiva obrigou a pospoñer a maioría dos actos programados, os talleres infantís impartidos polos alumnos do curso de Animación Sociocultural do Obradoiro de Emprego “Porremprego II”, celebráronse igualmente sendo todo un éxito de participación. Esta mesma mañá, unha decena de nenos participaron nunha gran Ginkana onde, os pequenos tiveron que superar unha serie de probas visitando diversos comercios e establecementos da nosa vila. A última das probas era conseguir unha foto na alcaldía co alcalde do Porriño, Nelson Santos, proba superada por ambos equipos ao ser recibidos polo rexedor, que se interesou polas actividades que estaban desenvolvendo e agradeceu enormemente a visita aos pequenos, nun intre en que compartiron risas e ata, algunha canción.











