O Concello do Porriño colabora con máis de medio millón de euros cos clubs deportivos
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, e o concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, recibiron esta mañá na Casa Consistorial aos representantes das distintas entidades deportivas do noso municipio para formalizar os convenios anuais e facer efectivas estas subvencións nominativas cuxa contía total supera o medio millón de euros.
“Trátase dunha partida importante esencial para que todos estes clubs poidan levar a cabo os seus programas e plans establecidos para este ano 2015, programas centrados sobre todo no desenvolvemento do deporte base”, sinala o rexedor, que puntualiza, “dentro das posibilidades económicas existentes, o Concello apoiará sempre a partida destinada ao deporte”.
Non en van, O Porriño é un dos municipios galegos que máis inviste en materia deportiva, un investimento real, cun compromiso que se cumpre día a día, non só con estas subvencións nominativas aos clubs, senón coa organización e colaboración en diferentes eventos e a creación, mellora e mantemento das instalacións deportivas. Exemplo diso son as obras de cuberta da pista deportiva do CEIP Fernández López que actualmente se están a executar e que permitirán a diferentes equipos ter unha pista alternativa en condicións para os seus adestramentos, e as melloras acometidas recentemente nos campos de futbol de Budiño, Atios ou Mosende, entre outras.
Balonmán, fútbol, baloncesto, atletismo, ciclismo, ximnasia rítmica, tenis… todas as modalidades teñen cabida no noso municipio. Un gran potencial que dende o Concello se valora moi positivamente, de aí que a partida que se destina ao deporte supere os 2 millóns de euros anuais.
Actualmente os equipos locais encóntranse nunha situación económica estable en gran parte grazas “á palabra firme que reciben dende o Concello de cumprir con todos os convenios en tempo e forma, co obxectivo de apoiar aos nosos clubs e deportistas,” subliña Lorenzo.
Un investimento que sempre ten a súa recompensa, e é que o nome do Porriño chega cada tempada a competicións rexionais, nacionais, europeas e ata internacionais nas que os deportistas porriñeses conseguen importantes logros.
O alcalde quixo aproveitar a reunión para felicitar a todos os equipos do Porriño e mostrou a súa congratulación ao contemplar “o seu bo facer e o grande esforzo, máis aínda estes momentos de crise económica” e agradecer publicamente a todos os clubs “o seu labor en pro do deporte no noso municipio e a súa disposición á hora de colaborar con todas as iniciativas que se impulsan dende o Concello”.











