O alcalde de Silleda visita as obras de mellora de acceso á igrexa de Cortegada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Manuel Cuíña e Klaus Brey na visita ás obras en Cortegada

Manuel Cuíña e Klaus Brey na visita ás obras en Cortegada

As obras de mellora do acceso á igrexa de Cortegada continúan a bo ritmo, co desmonte para a creación da futura senda peonil. Esta dotación xa pode apreciarse no primeiro dos tramos dende a igrexa, onde xa se fixo un pequeno muro de pedra.

O alcalde, Manuel Cuiña, e o concelleiro de Medio Rural e Servizos, Klaus Brey, visitaron esta mañá os traballos, que executa a empresa Endenor, e que incluirán a mellora de todo o tramo, coa rehabilitación do firme e a mellora da senda na marxe dereita da calzada.

A actuación, que veñen demandando os veciños da localidade, xurde a raiz do mal estado do vial. “Trátase dunha actuación necesaria porque se mellorarán tamén aspectos relacionados coa seguridade vial”, indica o alcalde, Manuel Cuíña.

Tamén se realizará o saneo das zonas do firme deterioradas e rehabilitación do mesmo, con unha nova capa de rodadura. Para a execución da senda peonil empregarase unha capa de cemento-terra. O orzamento total desta actuación sitúase en 26.565, 86 euros e coas obras actuarase nun tramo de 315 metros de lonxitude e unha superficie total de 1.102,5 metros cadrados.

Dende o Concello de Silleda agárdase que as obras poidan estar listas no menor prazo de tempo posible .

“Con esta actuación queremos mellorar a accesibilidade nesta zona, onde a senda peonil permitirá a moitos usuarios acceder a pé á igrexa en condicións de seguridade”, sinala o alcalde, que lembra que a obra vén a sumarse a outras actuacións para remodelar accesos e infraestruturas no rural silledense.

10 de febreiro de 2015 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.