Lamela abre a programación do Entroido no municipio silledense
Lamela dará mañá o pistoletazo de saída ao programa do entroido en Silleda. A cita comezará a partir das 16.00 horas, co xa popular desfile de carrozas e grupos dende Barravaite, pola estrada nacional.
A continuación a cita trasladarase ao campo de festa onde o duelo de campesinos dará paso ao tradicional Alto dos Xenerais da Ulla, unha ancestral celebración da que a parroquia de Lamela é testigo xunto con outras vilas da localidade. Unha vez rematada a batalla dialéctica dos correos e xenerais, organizada polo colectivo Anxela (Asociación de Xenerais de Lamela) haberá sesión de karaoke infantil. Xa pola noite a animación correrá a cargo do DJ Quico Riviera e tamén se entregarán os premios aos mellores disfraces.
Esta será a primeira parada do entroido en territorio silledense, continuando a vindeira fin de semana na Bandeira, Silleda, Parada e tamén o marte en Laro, con distintos actos organizados por colectivos coa colaboración do Concello.
Entroido de maiores
Por outra banda, Segue aberto o prazo para participar no Entroido dos Maiores, que terá lugar o vindeiro venres día 13 no restaurante Coteliño (14.00 horas). O menú está composto por bacallau ao forno, carne ó caldeiro, filloas e orellas de postre, e café. A animación correrá a cargo de novo do dúo Punto Zero. O prezo é de 14 euros para veciños/as do municipio e socios/as do Club de Maiores e de 15 para os que non sexan socios ou residan noutros concellos.
Para asistir é imprescindible anotarse previamente, nos dous centros sociais dos maiores ou ben chamando ao 986 592037.











