Expertos analizan na feira Cimag-GandAgro as perspectivas do sector lácteo ante un futuro sen cotas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Xornada sobre o sector lácteo

Xornada sobre o sector lácteo

A Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, a cal se celebra dende hoxe ata o sábado na Feira Internacional de Galicia, acolleu esta mañá unha xornada centrada nas “Perspectivas do sector lácteo español ante un futuro sen cotas”. Organizada polo Sindicato Unións Agrarias-UPA, contou coa presenza dunha decena de expertos dos ámbitos da produción, industria, Administración e do propio sindicato.

Este foro foi inaugurado polo secretario xeral de UPA Federal, Lorenzo Ramos, quen definiu o sector lácteo como un “sector estratéxico” e destacou que “a agricultura familiar somos o futuro”; polo alcalde de Silleda, Manuel Cuíña; e polo director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, quen subliñou como unha das funcións de Cimag-GandAgro ser un foro de debate e coñecemento e, neste sentido, fixo fincapé no gran interese desta xornada e na presenza dos “relatores que mellor poden definir o que pode ser o futuro” do sector.

A primeira das xornadas, a cargo de Patricia Ulloa, directora xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural, centrouse no sector lácteo en Galicia ante un escenario liberalizado e a aplicación da nova PAC na comunidade. A continuación o director xeral de Producciones y Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente, Fernando Miranda, falou sobre o paquete lácteo e a importancia das OPs en Galicia e España; mentres que Sophie Helaine, da Unidade de Perspectivas Económicas da DG AGRI da Comisión Europea, explicou a situación actual e as perspectivas do sector lácteo neste escenario.

Tras os relatorios celebrouse unha mesa redonda sobre a visión da industria láctea española e dos produtores ante o período 2015-2020 e o novo escenario de liberalización, na cal participaron Luis Calabozo, director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FENIL); José Luis Antuña, director xeral da Sociedade Cooperativa Galega Feiraco e Presidente do Consejo Sectorial de Vacuno de Leche de Cooperativas Agroalimentarias; e Román Santalla, secretario xeral de UPA-UUAAs.

A xornada foi clausurada polo secretario xeral de UUAAs-UPA Galicia, Roberto García.

19 de febreiro de 2015 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.