publicidade hoxe

Ethel Vázquez avanza a creación dun grupo de traballo para a elaboración do Plan das Fragas do Eume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCabanasLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Cabanas

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Cabanas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, avanza a creación dun grupo de traballo con representantes dos concellos, propietarios e produtores para a elaboración do Plan das Fragas do Eume. Así o indicou hoxe a conselleira na súa visita ao concello de Cabanas, onde mantivo un encontro co alcalde desta localidade coruñesa Germán Castrillón, acompañados tamén pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. Durante a xuntanza, na que tamén estiveron presentes os alcaldes de Pontedeume, Gabriel Torrente, e de Monfero, Benjamín Rodríguez, analizaron os traballos para a elaboración do Plan Reitor de Uso e Xestión do parque natural das Fragas do Eume.

Vázquez anunciou que “de cara á elaboración da nova versión do plan constituirase un grupo de traballo multidisciplinar, no que daremos cabida a propietarios e produtores e que se formará preto do verán, unha vez se rematen os traballos cartográficos e analizadas todas as alegacións presentadas”.

“Con este grupo preténdese dar voz e información a quen a ten que ter, para, entre todos, lograr que este documento deixe de ser unha obriga imposta pola Unión Europea e pase a ser unha oportunidade, co fin de conservar un dos tesouros naturais que temos en Galicia, e, ao mesmo tempo, para aproveitar o gran potencial creador de emprego e riqueza que temos no Eume”, agregou.

Nesta xuntanza tamén se acordou a necesidade de realizar charlas informativas nos concellos desta zona para abordar os puntos máis importantes do citado plan e resolver as posibles dúbidas dos asistentes.

A conselleira de Medio Ambiente lamentou as falsidades e medias verdades coas que algunhas persoas están confundindo e enganando ós veciños destes concellos, polo que quixo deixar claro que, “tal e como lle veño de trasladar ao alcalde, conforme avancemos na súa elaboración e concretemos as necesidades, incorporaremos ao Plan de Conservación das Fragas do Eume unha memoria económica cun orzamento que repercutirá directamente nos veciños, nos concellos e nos empresarios que conviven no Parque”.

Ethel Vázquez aclarou que “coa vista posta no futuro e con espírito construtivo, cabe sinalar que queremos seguir avanzando e o imos facer polo bo camiño, da man dos produtores e das persoas que teñen propiedades no ámbito do parque”. Para iso, “en primeiro lugar, xa estamos analizando con absoluto rigor as alegacións e propostas presentadas”.

Por outra banda, tras a reunión, a conselleira aclarou que despois de detectar certos erros na planimetría desenvolta vanse subsanar, porque estamos convencidos de que, para conseguir un Plan que sexa unha verdadeira oportunidade para as Fragas é necesario que un elemento tan importante teña unha veracidade absoluta sen ningún xénero de dúbida.

A responsable de Medio Ambiente do Goberno galego, anunciou que “xa se deron indicacións na Consellería co fin de que se proceda a unha revisión da planimetría metro a metro se é preciso, para poder desenvolver un documento de planificación axeitado á realidade”.

Outros asuntos

Nesta reunión tamén se falaron de asuntos como o da estrada AC-141, da que o alcalde quere unha mellora, Vázquez comprobou que esta estrada é eminentemente urbana, polo que podería pasar a ser titularidade municipal.

Así, resaltou que “para analizar en maior detalle as necesidades de mellora, desde a Consellería comprometémonos a redactar o proxecto para, unha vez feito, decidir sobre os seguintes pasos a dar”.

27 de febreiro de 2015 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.