Cimag-GandAgro será punto de encontro do mundo do gando frisón durante tres días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Concurso frisón en 2014

Concurso frisón en 2014

O certame Cimag-GandAgro 2015, o cal se celebrará do 19 ao 21 de febreiro na Feira Internacional de Galicia, converterase en punto de encontro do mundo do gando frisón durante os seus tres días de duración.

Así, esta feira acollerá cinco concursos, que son os morfolóxicos XXIV Autonómico e XXXIII Internacional da Raza Frisona, nos cales están inscritos un total de 187 exemplares de alta xenética procedentes de distintos puntos de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal; o XXXI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luis Louzao”, cuxo número de participantes se establecerá na feira; o VIII Concurso de Preparadores de Ganado e o IX Concurso de Pintura Fefriga.

No VIII Concurso de Preparadores están inscritos 17 xóvenes gandeiros de entre 11 e 24 anos de explotacións de Galicia, Illas Baleares e Portugal, mentres que no de pintura presentáronse 89 traballos en tres categorías, alevín, infantil e junior, coñecéndose xa os gañadores. Os traballos formarán parte dunha exposición situada no pavillón 2 da feira.

Todos estes concursos contarán con entregas de premios que terán lugar o sábado día 21 no ring de gando da feira.

Por outra banda, ese mesmo día, con motivo do XXV Aniversario da Federación Frisona Galega (Fefriga), esta entidade entregará recoñecementos aos propietarios das sucesivas vacas “Gran Campioa” das vinte e catro edicións do Concurso Autonómico da Raza Frisona.

Este completo programa, organizado por Fefriga coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, contará coa presenza de máis dun centenar de gandeiros do noroeste peninsular que participarán no desenvolvemento tanto dos concursos, conducindo e preparando aos seus animais, como na recollida de recoñecementos e premios.

Sorteo dunha viaxe para coñecer frisón de alta xenética

Dentro do programa de Cimag-GandAgro 2015 inclúese tamén, por cortesía da empresa Cipsa Pecuaria, o sorteo dunha viaxe a un país da Unión Europea para visitar as mellores explotacións de vacún dese país, entre as que a maioría serán da raza frisona. Poderán participar todos os profesionais asistentes ao certame que teñan Código de Explotación Agraria/Gandeira (CEA)

17 de febreiro de 2015 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.