Cimag-GandAgro 2015 dará a coñecer as potencialidades do porco celta nunha xornada técnica organizada por Asoporcel
O porco celta protagonizará no certame Cimag-GandAgro 2015, o cal terá lugar do 19 ao 21 de febreiro na Feira Internacional de Galicia, unha xornada técnica que se centrará no “Resultado do estudio da potencialidade da raza porcina celta: integración dos cebadeiros de porco celta coas industrias adscritas á marca europea rexistrada”.
Organizada pola Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta (Asoporcel), terá lugar o sábado 21 ás 16.30 horas.
Ademais de ser o tema central desta xornada, a raza porcina celta tamén estará presente na área expositiva de Cimag-GandAgro con diversos exemplares vivos.Pero non será a única, xa que esta formará parte, xunto con todas as restantes razas autóctonas galegas en perigo de extinción, dunha exposición, a cal contará co apoio dos fondos Feader.
Así, os asistentes poderán ver, ademais de porcos celtas, ovellas e cabras galegas, galiñas de Mos, cabalos de pura raza galega e exemplares das razas bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa.
Un 109% máis de explotacións na última década
As explotacións de porco celta aumentaron en Galicia na última década un 109,6%, pasando de 155 granxas en 2005 a 325 en 2014.
Un crecemento propiciado polas iniciativas de recuperación desta raza impulsadas tanto pola Administración como por Asoporcel, as cales tamén permitiron neste período de tempo un incremento dun 110% na poboación total da raza, pasando de 1.954 exemplares en 2005 a 4.113 no ano 2014.
Respecto a este total de animais, si se fala de femias e machos reprodutores, o incremento foi nesta década dun 54,5% no caso das primeiras (de 462 a 714 exemplares) e dun 67,8% no caso dos segundos (de 112 a 188).











