Centos de persoas cumplen coa tradición de bendicir os pans na honra de San Blas en Budiño

Oficio relixioso polo San Blas
O mal tempo non impediu que a parroquia porriñesa de Budiño cumprise coa súa tradición e celebrase, como cada ano, a bendición dos pans o día da festividade do seu patrón, San Blas. Esta arraigada celebración en honor ao Santo avogado dos males de garganta, que conta con miles de devotos no noso municipio e en toda a bisbarra, pon punto e final á celebración das festas patronais de Budiño, cuxa organización recaeu este ano no barrio do Mosteiro.
Esta xornada de actos litúrxicos abriuse ás 9:00 horas cunha misa, durante a cal as barras e bolos de pan dos fregueses se dispuxeron ante o altar para ser beneficiadas cos favores do santo. Do mesmo modo, celebráronse oficios ás 10:00 e 11:00 horas.
Ás 12:00 horas, baixo unha carpa instalada para protexer os asistentes das inclemencias meteorolóxicas, celebrouse a misa solemne rezada e cantada pola Coral Polifónica A Forna e oficiada por Don Manuel Riveiro, párroco de Porriño. O alcalde de Porriño, Nelson Santos, e os demais membros da corporación local, asistiron ao acto litúrxico tras o cal se procedeu novamente á bendición dos pans traídos polos devotos. Unha vez finalizado o oficio, a comitiva saíu en procesión realizando o percorrido de costume, acompañados pola Banda Municipal de Redondela.











