Catro cazadores de xabarís de Riveira foron identificados por infrinxir a Lei de caza
A Policía Autonómica informa da identificación de catro cazadores de Riveira (A Coruña) que presuntamente infrinxiron, de maneira “moi grave”, a Lei de caza de Galicia. Este tipo de infraccións leva aparelladas unha multa que vai dos 6.000 aos 30.000 euros, a retirada da licenza e a inhabilitación para recuperala por un período de entre cinco e dez anos.
Os pasados 6 e 7 de febreiro, os axentes autonómicos puxeron en marcha un dispositivo de vixilancia despois de ter constancia dunha serie de presuntas irregularidades en batidas de xabarís nos montes da localidade de Riveira.
Segundo se desprende da investigación, na véspera das batidas os presuntos infractores vertían aceite mineral usado procedentes de motores barco en charcas -coñecidas como “bañas”-, co fin de que os animais acudiran a bañarse, atraídos polo cheiro e deixasen o seu rastro polo monte, co fin de telos localizados.
No dispositivo de vixilancia os axentes da Sección de Investigación da Policía Autonómica sorprenderon a varios cazadores derramando aceite nas bañas, sen decatarse da presenza policial, que procedeu á toma de fotografías, a identificación dos autores e vehículos e a toma de mostras para o seu análise polo Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia, LIMAG.
Polos feitos expostos, aos catro cazadores se lles iniciará un expediente administrativo sancionador que será instruído desde a xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na Coruña, á que haberá que engadir as sancións que se poidan impoñer polos vertidos de residuos perigosos nunha zona natural protexida.
A Policía Autonómica, dentro das súas competencias, realiza as labores propias de vixilancia e control da actividade cinexética levada a cabo nos montes de Galicia, co fin de garantir un exercicio acorde coa lexislación vixente.











