Badiola Damion Koketa consegue o título de Gran Campioa no XXXIII Open Internacional de Gando Frisón

Premiados no certame de Xóvenes Manexadores
A vaca asturiana Badiola Damion Koketa, propiedade da gandaría Badiola Holstein, de Gozón (Asturias), obtivo hoxe o premio Vaca Gran Campioa Internacional no XXXIII Open Internacional de Gando Frisón celebrado no marco da Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandaría, Cimag-GandAgro 2015, a cal pechas hoxe as súas portas na Feira Internacional de Galicia.
Badiola Shottler Megadonna ET, da mesma gandaría, que a campioa, obtivo neste concurso internacional a Reserva Gran Campioa.
En canto ao XXIV Concurso Autonómico, a Vaca Gran Campioa de Galicia foi Cid Goldwyn Griselda, da SC Gandaría Cid, de Barreiros (Lugo) mentres que a Reserva Gran Campioa foi para outro exemplar desta mesma explotación, Bos Cid Atwood Moni ET.
Por outra parte, o galardón de Mellor Criador Internacional recaeu na gandaría Badiola Holstein, sendo o subcampéon a gandaría Blanco, de Lalín (Pontevedra). Esta última alzouse tamén como Mellor Criador de Galicia, mentres que o subcampión do concurso autonómico foi Casa Pozo SC de Lugo.
Onte xa se decidira no marco destes certames Autonómico e Internacional a Xovenca Gran Campioa, que foi Pozosaa ATwood 7128 Tamara, da gandaría Casa Pozo, de Lugo, en ambos os dous concursos.
En total, aos certames presentáronse 187 animais de gandarías procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal. Organizados pola Federación Frisoa Galega (Fefriga) e a Fundación Semana Verde de Galicia, foron xulgados por Brian Carscadden, da Asociación Holstein de Canadá, o cal foi elixido na publicación do mes de decembro de Holstein Internacional segundo mellor xuíz de frisón do mundo.
Xóvenes Manexadores
No marco de Cimag-GandAgro 2015 tamén se celebrou o XXXI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores de gando frisón “Memorial Luís Louzao”. O campión foi o cántabro Miguel Expósito Rodríguez, de 24 anos, da gandaría La Rincondada (Ampuero), mentres que o subcampión foi Roi Capón Fernández, tamén de 24 anos e da explotación Capón Holstein, de Chantada (Lugo). En canto á Mención de Honra, a conseguiu Guillermo Orfila Camps, de 18 anos, da gandaría Alcaidus (Mahón, Illas Baleares), o cal tamén foi subcampión do VIII Concurso de Preparadores celebrado o xoves en Cimag-GandAgro 2015.
No concurso participaron 17 mozos de entre 7 e 24 anos procedentes de distintos puntos de Galicia, Cantabria, Illas Baleares, Cataluña e Portugal.











