As presentacións de novos produtos súmanse ao programa de actividades de Cimag-GandAgro 2015

Vista Cimag-GandAgro
A feira de maquinaria, agricultura e gandería Cimag-GandAgro 2015, a cal terá lugar do 19 ao 21 de febreiro na Feira Internacional de Galicia, contará no seu programa con diversas presentacións de novos produtos dirixidos a distintos profesionais vinculados co sector primario.
Así, o xoves día 19 levarase a cabo a presentación técnica dun novo insecticida de solo con efecto enraizante para o cultivo do millo. Trátase dun innovador produto que permite substituír os insecticidas líquidos habituais por un principio activo granulado que se bota pegado ao gran do millo na sementeira, conseguindo unha maior eficacia para protexelo de pragas como o verme do arame, a mosca da sementeira ou a rosquilla, moi prexudiciais para a súa supervivencia. A aportación tecnolóxica é lograr agrupar nun só produto os efectos insecticida e fertilizante, xa que está feito cunha base que aporta un 35% de fósforo e un 7% de nitróxeno. Dada a tecnoloxía empregada para a súa formulación, o produto ten unha elevada persistencia e un efecto de lenta liberación do principio activo.
Este produto, de Sipcam Iberia, é distribuído por Protección Verde, empresa que organiza esta presentación dirixida a todos os profesionais do agro interesados.
Por outra banda, o certame acollerá o día 20 unha presentación organizada conxuntamente por Auto Repuesto Palacios, distribuidor da firma de pneumáticos BKT en Galicia e Asturias, e pola propia BKT. Estará dirixida á rede de comercialización de BKT en Galicia e Asturias e durante a mesma presentaráselles aos asistentes tanto o proceso de fabricación dos produtos como as novas gamas da firma, a cal se centra en pneumáticos fóra de estrada: agrícolas, agroindustriais e de enxeñería civil.
Ademais destas presentacións incluídas no programa de actividades de Cimag-GandAgro 2015, o certame acollerá moitas outras centradas tamén en produtos novidosos que non están recollidas no programa pero que serán levadas a cabo nos stands de empresas expositoras ao longo da feira.











