AIMEN desenvolverá un sistema de control que reducirá a cero os defectos de fabricación en compoñentes de automoción e aeronáutica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

AIMEN Centro Tecnolóxico, situado no Porriño, lidera o proxecto MAShES, unha iniciativa europea que persegue a fabricación por tecnoloxía láser con cero defectos mediante o desenvolvemento dun innovador sistema de control en tempo real, dotado de técnicas de análise de imaxe. Este proxecto foi concedido dentro da primeira Convocatoria Horizon 2020 Factories of the Future, sendo aprobado coa máxima cualificación outorgada polo panel de avaliación.

Para conseguir este obxectivo, MAShES desenvolverá unha solución compacta, dotada con procesamento embebido para tarefas de monitorización e control en tempo real en procesos de soldadura e fabricación aditiva por láser. Esta solución permitirá capturar, a moi alta velocidade, imaxes multiespectrais (imaxes simultáneas no rango visible e o infravermello) do proceso de fabricación. O sistema posibilitará unha medición precisa da distribución da temperatura con independencia dos materiais a procesar, algo que non é viable na actualidade e supón un problema clave para o desenvolvemento de sistemas de control máis efectivos.

A partir destas medicións e en combinación con outras variables, entre elas, a xeometría do material, a textura superficial e a velocidade; MAShES implementar un sistema de control en tempo real dos diferentes parámetros que definen o proceso (potencia, velocidade, modulación, etc.), co fin de eliminar a aparición de defectos.

Ademais, MAShES empregará técnicas baseadas en intelixencia artificial que permitirán a autorreconfiguración do sistema ante cambios no proceso e/ou nos materiais empregados, o que dotará de flexibilidade ao sistema e mellorará a calidade do produto final.

O proxecto validarase na produción de moldes de estampación e de compoñentes de automoción e poderá ser empregado en sectores como o aeronáutico e o enerxético. Reducirá ata un 80% o tempo destinado á configuración do proceso de fabricación e ata un 25% o tempo destinado á execución do proceso, reducindo practicamente a cero os defectos de fabricación. Ademais, MAShES achega á industria a posibilidade de alcanzar a chamada fábrica cognitiva (baseada en intelixencia artificial) e operada en rede. Isto contribuirá a unha significativa redución de custos de produción e un aforro de materiais e enerxía, co conseguinte impacto económico e ambiental.

11 de febreiro de 2015 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.