Abarrotada inauguración da exposición “Realidades máxicas” de Paco Casal

Público asistente á inauguración
Poucas veces a sala de exposición do Centro Cultural Lustres Rivas estivo tan abarrotada como na noite de onte, con motivo da inauguración da exposición “Realidades Máxicas”, do pintor ferrolán afincado no municipio de Riveira Paco Casal.
Artistas como Maralla, Nuco Losada ou Antonio Pérez e un gran número conveciños animáronse a presenciar este evento, no que se exhiben as 22 obras que compoñen unha mostra que poderá ser visitada ata o 28 de febreiro.
Paco Casal explicou que “Realidades Máxicas” é a continuación dunha serie de exposicións que comezaron en 2014 en Boiro para visitar logo Brión, Pontevedra e Sada e que, tras o seu paso por Riveira, continuará en Noia e A Coruña.
Casal manifestou que vive nun lugar privilexiado da natureza que coñeceu en 1987 e ao que se foi achegando pouco a pouco “hasta quedar empadronado”: foi aquí onde aprendeu a utilizar o paisaxe. Consonte con isto, a paisaxe é a temática predominante, pero non a única, pois tamén figuran outras “realidades más cercanas”, como son unha serie de novelas de xuventude que o afeccionaron á literatura ou a recreación dunha obra de Nuco Losada.
O alcalde Manuel Ruiz agradeceu e destacou que tanta xente se animase a visitar esta exposición, o que non sempre sucede noutras mostras como sería desexable, e defendeu a importancia da cultura e a arte. Así mesmo, recolleu o guante lanzado por Casal para que o municipio de Riveira poida albergar nun futuro un encontro de pintores locais.
Doazóns
Cómpre salientar que o autor quixo doar ao Concello dous cadros, dos que fixo entrega ao rexedor municipal. Unha vez concluídas as roldas de intervención (que fora iniciada pola concelleira de Cultura Elvira Pisos), os numerosos asistentes aínda estiveron na sala un bo rato, animados pola calidade das pinturas, pola calorosa música de jazz e polo pequeno ágabe co que o artista quixo obsequiar ao seu público.
Traxectoria
Paco Casal, pintor nacido en Ferrol en 1956 e afincado en Aguiño, comeza a pintar en 1985, estudando a obra do mestre Vázquez Doce. Tras pasar por diferentes talleres e estudios comeza a expoñer con regularidade compartindo esta arte con outras ocupacións laborais ata 2010, ano no que pasa a dedicarse plenamente á pintura. Os seus traballos, fundamentalmente paisaxes, céntrase na Galicia verde e fantástica complementada polas mariñas atlánticas das costas galegas.
Entre as últimas exposicións de Paco Casal ten exhibido a súa obra de xeito individual ou colectivo en localidades como Boiro, Brión, Sanxenxo, Pontevedra, Madrid, Sada ou Riveira.











