A OMIX do Porriño pon en marcha a “incubadora de proxectos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello do Porriño, que depende da concellería de Mocidade que dirixe Iria Lorenzo, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia poñerá en marcha o taller “Incubadora de proxectos”.

“Esta actividade pretende ser unha ferramenta de traballo, enfocada a mozos que busquen mellorar as súas competencias e destrezas en canto á redacción e execución de proxectos, e que teñan a inquietude de presentar propostas no marco dos programas de participación xuvenil”, explica o alcalde do Porriño, Nelson Santos.

Con este taller formativo búscase lograr a participación dos mozos en programas que actúan como elementos dinamizadores do tecido asociativo, impulsores de iniciativas innovadoras e elementos valiosos no currículum non formal. O contido desta actividade, dirixida a xóvenes animadores xuvenís, técnicos municipais, axentes de desenvolvemento local, concelleiros de mocidade, asociacións xuvenís, grupos informais de mozos, estudantes e en xeral, a calquera colectivo interesado nos programas de participación xuvenil, abarcará desde o concepto de participación xuvenil ata a elaboración, execución e xustificación dun proxecto.

Aqueles mozos maiores de 18 anos interesados en participar, deben formalizar o seu inscripción antes do 13 de marzo, acudindo ás dependencias da OMIX no Centro Cultural Municipal ou ben chamando ao teléfono 986 337 624 para deixar o seu nome, apelidos, DNI e teléfono de contacto. As prazas son limitadas.

16 de febreiro de 2015 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.