A hostalaría do Porriño implícase na celebración do Entroido 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello do Porriño, a través da concellaría de Festexos que dirixe M. Alejandro Lorenzo, ultima os detalles da programación do Entroido 2015 que verá a luz nos próximos días. Nesta ocasión, o carnaval porriñés chega cargado de novidades, entre as que destaca a implicación do sector hostaleiro da nosa localidade.

Así, en colaboración coa Asociación de Hostaleiros do Porriño, AHOSPOR, e a Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño, ACIPOR, o Concello organizará o primeiro concurso de ambientación para os establecementos hostaleiros do noso municipio.
Dende a concellaría de Festexos queren animar aos distintos locais a participar neste concurso ambientando os seus establecementos con motivos relacionados co entroido durante a celebración deste. O tema será libre, valorándose a decoración da entrada ao local e do interior, os disfraces do persoal, a música e a orixinalidade.

“Este concurso nace co obxectivo de fomentar a implicación dun sector protagonista en todas as celebracións”, explica Lorenzo, “Xuntando esforzos e implicando aos establecementos do Porriño na programación destas festas, buscamos dinamizar a actividade hostaleira local durante estes días, logrando que o Entroido do Porriño, un ano máis, sexa todo un éxito”.

Unha vez decorados, todos os locais participantes estes formarán parte dunha ruta establecida na que figurará unha foto da decoración cada un deles, ruta que fará as veces de mapa de propostas para todos os que se acheguen a gozar do entroido porriñés.

E, aínda que no que atinxe á hostalaría o maior premio é a afluencia de clientes, como en todo concurso que se prece haberá un establecemento gañador. Un especial xurado, cuxos membros se desvelarán nos próximos días, elixirá o gañador que será premiado cun vale de compra por valor de 300 euros para gastar no comercio local.

5 de febreiro de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.