A feira Cimag-GandAgro analizou as potencialidades do porco celta e presentou exercicios de equitación terapéutica con cabalos de pura raza galega

Exercicios de equitación terapéutica
As razas autóctonas galegas en perigo de extinción contaron esta tarde con gran protagonismo na feira Cimag-GandAgro 2015, que pecha as súas portas hoxe na Feira Internacional de Galicia. Así, o porco celta centrou esta tarde unha xornada técnica organizada por Asoporcel, a cal tivo por título “Resultado do estudio da potencialidade da raza porcina celta: integración dos cebadeiros de porco celta coas industrias adscritas á marca europea rexistrada”.
Ademais, a raza porcina celta tamén está presente na área expositiva de Cimag-GandAgro con diversos exemplares vivos.Pero non é a única, xa que esta forma parte, xunto con todas as restantes razas autóctonas galegas en perigo de extinción, dunha exposición que conta co apoio dos fondos Feader. Os asistentes puideron ver durante os tres días, ademais de porcos celtas, ovellas e cabras galegas, galiñas de Mos, cabalos de pura raza galega e exemplares das razas bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa. (Adxúntase fotografía).
Así mesmo, esta tarde no marco do certame levouse a cabo unha presentación e demostración en pista de exercicios básicos de equitación terapéutica con cabalos de pura raza galega, ademais dunha presentación multidisciplinar de actividades ecuestres con exemplares desta raza.











