A camelia volve converterse en protagonista en Torneiros

Mostra de camelias
O local da Asociación de Veciños de San Salvador de Torneiros acollerá este fin de semana a cuarta edición da “Mostra da Camelia en Torneiros”, unha exposición que reúne exemplares dos mellores cultivadores da provincia e que, ano tras ano, se caracteriza pola beleza das flores expostas e pola arte con que os expositores elaboran a súa presentación.
Neste evento, organizado pola AVV de San Salvador de Torneiros en colaboración co Concello de Porriño, a Deputación de Pontevedra e a Comunidade de Montes en Man Común de Torneiros, participan cada ano cultivadores procedentes de diferentes municipios, como Tui, Soutomaior ou Salceda de Caselas, e en xeral de toda a provincia de Pontevedra, que reúnen ata máis de 50 variedades diferentes da devandita flor.
Así, a partir das 10:00 horas do próximo sábado, 7 de febreiro procederase á colocación dos máis de 45 metros expositores, para dar paso á inauguración oficial da mostra que terá lugar ás 13:00 horas.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas a exposición abrirá as súas portas ao público ata as 20:00 horas, permanecendo exposta toda a xornada do domingo en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
Como novidade este ano, todos os que se acheguen a gozar destas xornadas poderán degustar, de xeito gratuíto, “Marmelada de camelia”, unha innovación culinaria que explota o potencial dos pétalos desta emblemática flor.
Así mesmo, o domingo pola tarde de 16:30 a 19:00 horas o Mago Baco e o paiaso Calcetín, xunto con varios talleres de animación, divertirán aos máis pequenos mentres os maiores gozan da exposición.











