Visita do delegado do Goberno ás obras de protección de marxes contra a erosión do río Louro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedra
A-
A+
Visita do delegado do Goberno ao Concello do Porriño

Visita do delegado do Goberno ao Concello do Porriño

O alcalde do Porriño, Nelson Santos, acompañou esta mañá ao delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e ao presidente da CH do Miño-Sil, Francisco Marín, na súa visita ao noso municipio para comprobar sobre o terreo o resultado das obras de protección de marxes contra a erosión do río Louro ao seu paso polo núcleo urbano. Durante a visita estiveron acompañados tamén polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o subdelegado do Goberno na provincia, Antonio Coello.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en colaboración co Concello do Porriño, levaron a cabo unha serie de actuacións de mellora baseadas na reconstrución e protección das marxes fluviais e a construción dunha nova senda peonil, co obxectivo de garantir a conservación dos valores ambientais asociados a esta canle, asegurando ao mesmo tempo, o mantemento das zonas peonís de ambas as dúas marxes do río.

“A conservación do estado ecolóxico do noso río sempre foi unha cuestión prioritaria para este Concello. Con estas melloras o risco de desbordamento e inundación dos terreos lindantes vese considerablemente reducido, e o que é máis importante, comezamos o proceso de recuperación dos hábitats fluviais naturais”, sinalou o alcalde do Porriño, Nelson Santos, quen asegurou que a correcta recuperación deste ámbito é “unha das maiores apostas de futuro que podemos facer dende o Concello a nivel ambiental”.

Así mesmo, o rexedor quixo agradecer aos veciños propietarios dos terreos lindantes “a súa inestimable colaboración, facilitando o paso de maquinaria e con el, a correcta execución destas obras en beneficio de todos os veciños do Porriño” estendendo o seu agradecemento á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Deputación de Pontevedra pola disposición e o apoio que sempre mostraron ao Concello do Porriño para mellorar o estado do noso río”.

Estas melloras, cuxo importe supera os 340.000 euros, incluídas no programa de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), abranguen un tramo duns catro quilómetros de ribeiras que se mostraban visiblemente afectadas polas presións ambientais, despois de sufrir derrubamentos e desbordamentos ademais do natural efecto da erosión.

Un proxecto que garante a recuperación ecolóxica e social do río Louro

As actuacións comezaron coa reconstrución de 450 m3 de muros e diques de pedra afectados pola erosión do propio río, utilizando as mesmas pedras existentes e buscando un mellor encaixe entre elas para mellorar a eficacia destas estruturas de defensa de marxes.
Por outra parte, e utilizando técnicas de bioenxeñería, construíuse un dique ao longo de 425 metros de canle, na que se empregaron biorrolos de malla de coco, mantas orgánicas e estaquillado con especies de ribeira autóctonas e pratenses, coas que se conseguiu, a estabilización dos noiros máis debilitados polas grandes enchentes de caudal.

Tamén se procedeu á recuperación de ambas as dúas marxes colocando estruturas de madeira en distintos tramos a xeito de estacadas combinadas con inserción de estaquillas enraizadas de salgueiros e mantas orgánicas, realizándose o reforzado con recheo de material aluvial que facilitará o enraizamento e posterior desenvolvemento do bosque de galería autóctono.

Por outra parte, realizouse o acondicionamento de 1.350 m2 de senllas peonís, con pavimento de xabre estabilizado con cemento e confinado entre bordos de madeira tratada.

Por último, e como complemento ás actuacións descritas, se procedeu á recuperación de varandas e pasarelas de madeira no paseo fluvial, á plantación en módulos de especies autóctonas de ribeira nas zonas máis degradadas e á colocación de elementos de sinalización con información relativa ás especies vexetais existentes na ribeira do río Louro.

15 de xaneiro de 2015 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.