Unha trintena de xóvenes do Porriño participaron no programa “Actívate”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
O alcalde do Porriño na clausura dun dos cursos

O alcalde do Porriño na clausura dun dos cursos

O Multicentro de Torneiros acolleu esta mañá o acto de clausura das dúas accións formativas enmarcadas no plan “Actívate” da Deputación de Pontevedra que se levaron a cabo no noso municipio. A deputada provincial, Marta Iglesias, e o alcalde do Porriño, Nelson Santos, fixeron entrega dos diplomas aos 30 mozos que participaron nos cursos de “Cociña tradicional galega” e “Tapas, pinchos e canapés”.

A deputada, Marta Iglesias, manifestou “a importancia deste tipo de iniciativas para ampliar a formación dos participantes nun momento difícil para acceder ao mercado laboral”. Por iso animou os participantes a “aproveitar ao máximo estas oportunidades para aprender. A Deputación está a facer un grande esforzo na formación e o acceso ao emprego dos mozos desempregados. “

O Porriño adheriuse, un ano máis, a esta iniciativa que consiste na oferta de accións formativas e educativas de interese para os mozos no ámbito do ocio, potenciando a participación e cooperación social e promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias. Nesta ocasión, a oferta compoñíase de dous cursos, de 40 horas de duración cada un que se desenvolveron no edificio Multicentro de Torneiros.

No primeiro deles, os participantes aprenderon a preparar “Tapas, pinchos e canapés” utilizando diferentes técnicas que para a súa elaboración e optimización da presentación dos produtos e coñeceron as normas básicas de hixiene e seguridade alimentaria.

Na segunda destas accións, o curso de “Cociña tradicional galega”, durante dez días, os participantes aprenden a preparar e presentar diversos e variados tipos de pratos tradicionais de cociña galega; ademais de poñer en práctica as técnicas que se necesitan para levar a cabo unha correcta elaboración de receitas.

A Concellaría de Xuventude, que dirixe Iria Lorenzo, a través da OMIX do Concello do Porriño únese dende hai varios anos a este programa de actividades dirixido aos mozos da nosa localidade, co fin de potenciar a súa integración no mundo laboral, á vez que conseguen un maior enriquecemento cultural e persoal.

“É de vital importancia ofrecer alternativas de ocio e tempo libre aos nosos mozos co fin de conseguir unha maior cohesión comunitaria entre a xuventude do noso municipio”, sinalou o rexedor, “se ademais, estas alternativas se deseñan dende o punto de vista socio-educativo e da formación, ofrécese ao mesmo tempo a posibilidade de coñecer novos campos laborais e abrir as expectativas destes mozos”.

20 de xaneiro de 2015 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.