Un total de 95 persoas con discapacidade insertáronse con Cogami na comarca de Ourense
O Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI (SIL) mantén durante o ano 2014 a porcentaxe de insercións na comarca de Ourense con respecto ao ano anterior. O equipo de orientación laboral que atende a persoas con discapacidade logrou inserir laboralmente a 95 persoas e rexistrou 134 contratacións, o que, segundo a coordinadora do SIL, Mari Carmen Ínsua, supón un “incremento no número de contratacións pero estas son de peor calidade porque son de menor duración e cunha xornada reducida”.
No seguinte recadro, especifícanse as insercións por concellos da comarca.
Amoeiro |
Barbadás |
Coles |
Esgos |
Nogueira Ramuín |
Ourense |
A Peroxa |
San Cibrao |
Taboadela |
Toén |
Vilamarín |
TOTAL |
1 |
7 |
2 |
2 |
1 |
72 |
3 |
2 |
2 |
2 |
1 |
95 |
Dende o ano 2012, o servizo reflicte un incremento de persoas interesadas en inscribirse na procura de emprego, que vén provocado pola perda dos seus postos de traballo. Cando chegan ao servizo, o orientador/a laboral, tras unha primeira toma de contacto para coñecer á persoa e, en función das súas capacidades e intereses, traza un itinerario que pode ser tanto formativo como de emprego.
Durante 2014 foron 81 persoas, 56 homes e 25 mulleres, as interesadas en formar parte do Servizo de Intermediación Laboral, interesadas en ser encamiñadas por profesionais para poder atopar un emprego. Con estas novas incorporacións, o SIL de COGAMI conta cunha base de datos formada por 1.724 persoas inscritas na comarca, das que 1.432 son do concello de Ourense.
Amoeiro |
Barbadás |
Coles |
Esgos |
Nogueira Ramuín |
Ourense |
Pereiro de Aguiar |
A Peroxa |
San Cibrao |
Taboadela |
Toén |
Vilamarín |
TOTAL |
18 |
74 |
29 |
10 |
14 |
1.432 |
34 |
17 |
42 |
17 |
26 |
11 |
1.724 |
Unha das situacións coas que se atopa o equipo de orientación laboral de COGAMI é que as novas persoas usuarias chegan cun baixo nivel formativo de cualificación, dado que na maior parte dos casos as discapacidades son sobrevidas a determinadas idades e, polo tanto, é necesario orientar á persoa de cara a un proceso de reorientación laboral que pasaría pola formación encamiñada á busca de novas oportunidades laborais adaptadas ás novas esixencias do mercado.
Segundo isto, en 2014 dende COGAMI se realizaron na comarca ourensá 2 accións de técnicas de busca de emprego para facilitarlle ás persoas as ferramentas necesarias para a xestión do proceso na busca de emprego, que van dende deseñar o propio curriculum ata estar ao día nos motores de busca de ofertas de emprego. Tamén se fixeron 3 cursos de operacións e servizos administrativos, de xestión de stocks e control de caixa ademais dun de condutor de autobuses nos que participaron 39 persoas.
As funcións do orientador/a laboral son informar á persoa sobre o mercado de traballo, sobre as ofertas de emprego existentes, sobre as políticas dos servizos públicos de emprego e informar sobre formación de interese adaptada a cada persoa, ademais de contactar coas empresas para lograr captar ofertas de traballo e para sensibilizar ao empresariado na contratación de persoas con discapacidade. En 2014 contactouse con 115 empresas na comarca para dar a coñecer o servizo.
Unha das innovacións do SIL inicia en 2015 coa apertura dun perfil de Facebook (SIL COGAMI) no que se publicarán ofertas de emprego, convocatorias de interese, cursos, etc. e contestará aquelas dúbidas que poidan xurdir entre as persoas usuarias. O teléfono de contacto do SIL é 988 246 057 e o correo silourense@cogami.es