Un total de 187 exemplares de vacún frisón competirán nos concursos morfolóxicos de Cimag-GandAgro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Ring de frisón en GandAgro 2014

Ring de frisón en GandAgro 2014

Un total de 187 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de distintos puntos de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal participarán nos concursos morfolóxicos Autonómico e Internacional desta raza na Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, a cal se celebrará do 19 ao 21 de febreiro na Feira Internacional de Galicia. Estes animais supoñen un 33% máis que na pasada edición destes concursos.

O XXIV Concurso Autonómico da Raza Frisona “Fefriga”, que atraerá aos exemplares máis destacados desta raza en Galicia, contará coa participación de 120 reses. Delas 53 proceden da provincia de Lugo, 47 de Pontevedra e 20 de A Coruña.

Pola súa banda, o XXXIII Open Internacional da Raza Frisona converterase en punto de encontro da mellor cabana bovina. Reunirá, ademais dos 120 exemplares galegos que participan no Concurso Autonómico, a outros 31 de Cantabria, 18 de Asturias e 18 de Portugal. En total serán 187 animais os que compitan.

Os galardóns que se concederán nesta edición dos concursos serán Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca. Tamén se recoñecerá ao Mellor Criador de Galicia e ao Mellor Criador Internacional.

Organizados pola Federación Frisona Galega (Fefriga) e a Fundación Semana Verde de Galicia, os concursos celebraranse os días 20 e 21 de febreiro e serán xulgados por Brian Carscadden, da Asociación Holstein de Canadá, o cal foi elixido na publicación do mes de decembro de Holstein Internacional o segundo mellor xuíz de frisón do mundo.

Xóvenes manexadores e preparadores

Ademais destas prestixiosas competicións, en Cimag-GandAgro 2015 celebrarase tamén centrados na raza frisona o XXXI Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luis Louzao” e o VIII Concurso de Preparadores de Gando. Ambas competicións teñen como obxectivo implicar aos máis novos nas tarefas de selección e avance da raza, estimulándoos para que mostren a súa capacidade de preparación e presentación en pista dos animais.

30 de xaneiro de 2015 | 12:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.