publicidade hoxe

Transfírese ao Concello de Sada o treito urbano da estrada AC-183

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSada
A-
A+

O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou na súa reunión desta mañá o proxecto de decreto polo que transfire a titularidade do treito da estrada autonómica AC-183 Sada – Arillo desde o Pq 0+000 ao Pq 0-720 a prol do concello do Consello de Sada.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, e o concello de Sada asinaron o pasado 14 de xaneiro un convenio de colaboración polo que a administración autonómica financiaba a maior parte (80 %) da adecuación da praza da Igrexa Nova.

De acordo co convenio, o concello poderá licitar a obra previa cesión da titularidade do treito urbano da estrada AC-183. Unha vez asinado o convenio, con este decreto do Consello da Xunta cúmprese este requirimento.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas, incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais, así como de elementos funcionais e espazos da zona de dominio público adxacente, como é o caso destas parcelas.

A regulación deste procedemento recóllese na Lei 8/2013, de estradas de Galicia, que desde a súa aprobación no ano 2013 permitiu sistematizar e axilizar este tipo de procedementos.

A praza da Igrexa Nova está situada sobre a avenida Barrié de la Maza (AC-183), no seu entroncamento coa avenida Párroco Villanueva e dúas vías que conectan o polígono das Brañas.

Trátase dun ámbito centro-urbano de importancia na vida cotiá dos residentes na vila e dun paso case que obrigado para os visitantes. Esta zona é un punto conflitivo no eido da seguridade viaria, no que se producen retencións debido aos cruzamento e xiros existentes, situación que se ve agravada polas paradas de autobús situadas en ambas as marxes da avenida Barrié. Esta área tamén rexistra problemas de accesibilidade e mobilidade para os peóns, dado o largo insuficiente das beirarrúas ou a existencia de vaos pouco axeitados.

As obras obxecto do convenio pretenden solventar as deficiencias descritas, polo que recollen accións como a renovación de pavimentos, mellora da accesibilidade nos percorridos peonís e a reordenación do tráfico no interior da praza mediante unha glorieta no entroncamento da avenida Barrié e Párroco Villanueva.

Estes traballos, unha vez rematados, permitirán unha maior fluidez circulatoria, desconxestionando o tráfico neste contorno, e ofrecerán unha maior accesibilidade aos cidadáns e máis seguridade, tanto de vehículos coma de peóns.

Con esta adecuación da praza da Igrexa Nova dáse resposta a unha vella demanda dos veciños de Sada, ao tempo que permite seguir avanzando na aposta da Xunta pola mellora da seguridade viaria e por garantir a calidade das infraestruturas que percorren todo o territorio galego.

29 de xaneiro de 2015 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.