Os vendedores ambulantes afirman que non é posible a convivencia cos xitanos zamoranos
A Plataforma de Cooperativas de Vendedores Ambulantes de Galicia (liderada polo clan dos chamados ‘xitanos galegos’, con Sinaí Giménez e Miguel Valverde á cabeza) emitiu un comunicado no que acusa ao presidente da Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos, Francisco Romero Alvite (quen denunciou o suposto desterro dos xitanos zamoranos de Tui e O Porriño), de reabrir o conflito dos vendedores ambulantes.
Así, denunciou unhas manifestacións de Alvite na que, segundo asegura, este se referiría aos xitanos galegos de forma despectiva. Os vendedores galegos afirmaron que estas declaracións son “unha falta de respecto grave”.
“Francisco Alvite demostra outra vez que solo buscar sacar un beneficio persoal propio creando outra vez división” aseguraron dende a Plataforma, e advertiron de que, así as cousas, “non é posible a convivencia e harmonía dos xitanos galegos e os xitanos zamoranos nos mesmos centros de traballo”.
Nesa liña, a Plataforma criticou que “algúns xitanos zamoranos llo queren comer todo”, en alusión a que, segundo aseguran, “os mellores postos nos mercados os teñen eles, se levan a toda a clientela e, para rematar, se queren comer a Cooperativa”.
Así mesmo, recordaron que “estes señores xitanos zamoranos viñeron de paso a Galicia” e que, co tempo, se asentaron en “luxosos chalés”. “Despois de que os galegos lles desen todo tipo de facilidades (…), agora eles queren ser os ‘reis do mambo’, algo que os vendedores ambulantes galegos non lles permitirán”, sentenciaron.











