Os veciños do Porriño doaron un total de 19 toneladas de ropa usada ao longo de 2014
Os seis colectores de recollida de roupa e calzado instalados no noso municipio acumularon o pasado ano 19.060 quilos de téxtil usado segundo os datos que Humana Fundación Pobo para Pobo remitiu ao Concello.
Esta organización non gubernamental para o desenvolvemento (ONGD), que dende 1987 promove a protección do medio a través da reciclaxe e a reutilización téxtil e que leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, así como de Axuda Social en España, subscribiu no ano 2012 un acordo co Concello do Porriño para instalar seis colectores de recollida, situados en lugares de doado acceso e gran tránsito, cinco deles na zona urbana e un en Torneiros.
O Porriño poñía así en marcha unha nova iniciativa en materia social, ao non existir ata o momento colectores desta índole no municipio.
A cantidade de roupa e calzado recollida no último mostra a sensibilización dos veciños do Porriño en materia de reutilización e reciclaxe. “Estamos nunha media de 1,02 quilos recollidos por habitante, unha cifra que evidencia o compromiso cidadán, cada vez maior coa reciclaxe téxtil e o medio” apunta Darío Gómez, Responsable de Humana en Galicia.
Por outra parte, a reutilización e reciclaxe téxtil contribúen á protección do medio ao reducir en parte os residuos xerados pola cidadanía, outorgando unha segunda vida a unha roupa que de non ser así iría a parar ao vertedoiro para a súa incineración.
“Ademais da reciclaxe e a reutilización, é destacable o impacto que ten a recollida de téxtil usado sobre o medio”, explica a concelleira de Medio, María José Martínez, “a roupa e calzado que os veciños de porriño depositaron este ano nos colectores evitou a emisión á atmosfera de máis de 60 toneladas de CO2, que sumadas ás 132 que se evitaron dende que comezou a campaña fan un total de 192 toneladas menos de emisións tóxicas”.
Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Nelson Santos valorou moi positivamente a resposta dos porriñeses a esta iniciativa “a solidariedade e responsabilidade que mostraron os veciños do Porriño avalando esta campaña permitirá emprender importantes programas de axuda social nos concellos nos que Humana está presente, como é o caso do noso municipio. Unha vez máis, O Porriño mostrou a súa capacidade de empatía e implicación”.
A reciclaxe téxtil como ferramenta de cooperación social
Dende o inicio da súa actividade en España, o obxectivo de Humana foi xestionar de xeito eficaz as doazóns de roupa usada e incentivar a reutilización e o consumo responsable; unha finalidade compartida pola Directiva Marco de Residuos e o Ministerio de Agrigultura, Alimentación e Medio (Magrama).
Na delegación de Galicia, Humana dispón de 331 colectores que o ano pasado recolleron 1.983 toneladas de téxtil usado. En España a Fundación conta con 5.200 colectores que anualmente recollen ao redor de 18.000 toneladas de roupa.
Ao aspecto ambiental, hai que engadir que a xestión do téxtil usado é un destacado motor de desenvolvemento. Por unha parte como xerador de emprego en España e en segundo lugar, porque os recursos obtidos coa xestión do téxtil fan posibles os programas de axuda social e sensibilización de España e de cooperación e desenvolvemento nos países do Sur.











