Os veciños de Mosteiro ultiman os detalles para o Desfile do Ramo
As mulleres de Mosteiro, puxéronse mans á obra nada máis rematar o Nadal e comezaron a elaborar os arranxos florais que engalanarán a comitiva de San Blas este domingo. Flores de papel, fitas de raso, roscas e pulsos de porcelana adornarán as tradicionais estruturas que, como cada ano, percorren as rúas desta parroquia atraendo centos de veciños e visitantes.
Nesta arraigada tradición envórcanse todos os veciños de Budiño. Cada ano, un dos seis barrios que compoñen esta parroquia porriñesa, encárgase de organizar a celebración, pasando a testemuña á seguinte coa simbólica entrega do Ramo.
Así, o próximo domingo 1 de febreiro, a comitiva transportará a tradicional Carroza de Ramos dende o Centro Cultural Recreativo de Mosteiro ata “A Forna”, acompañados no seu periplo pola Tuna Santa Eulalia de Atios. Unha vez alí, a comisión de festas de San Blas 2015 fará entrega do ramo de loureiro á comisión entrante, os veciños do barrio de Casal que serán os encargados de organizar as festas do próximo ano.
A comitiva do Mosteiro debe percorrer unha distancia considerable para facer a entrega, polo que as espadanas, o ramo e o andor, que tradicionalmente é portado por dúas mulleres, son conducidas ao seu destino sobre unhas adornadas carruaxes abrindo este desfile, a carroza na que viaxa a Raíña da Festa, que, aínda que esperada, nunca defrauda.
Unha sesión Dj inaugura o programa de San Blas 2015
A carpa da festa de San Blas, en “A Forna”, acollerá este venres a partir das 12 da noite, o pistoletazo de saída das festas de San Blas de Budiño 2015. Será con “Son Blas”, unha sesión Dj a cargo de Jesús Carballo e Ángel Vaqueiro. A entrada a este festival organizado pola comisión de festas é libre e gratuíta.











