Os Reis Magos chegarán a Porriño en camelo e acompañados dun gran séquito
Como cada 5 de xaneiro, Porriño recibirá con entusiasmo ás súas Maxestades os tres Reis Magos de Oriente. Nesta ocasión Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán sobre a súa tradicional montura, a camelo, e acompañados por un impresionante séquito para facer realidade a ilusión de grandes e pequenos.
A cabalgata partirá, ás 18:00 horas, dende o Polideportivo Municipal para facer o seu percorrido habitual. Ao redor de 300 persoas acompañarán a comitiva real no seu paseo polo centro, onde repartirán máis de 2000 quilos de caramelos para todos os nenos como preludio da noite máis esperada polos máis pequenos. As rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios acompañarán ás Súas Maxestades durante todo o percorrido, flanqueado por tres impresionantes carrozas, onde viaxan os paxes reais nun desfile cheo de maxia e ilusión.
Xa na praza Arquitecto Antonio Palacios, os nenos poderán saudar e falar con eles tan só unhas horas antes, de irse a durmir coa ilusión de encontrar os seus regalos na máxica mañá de Reis.
O concelleiro de Festexos M. Alejandro Lorenzo e a concelleira de Educación, Ana Martínez, queren mostrar o seu agradecemento a “as asociacións culturais e ANPAS do noso municipio, así como a Protección Civil, Policía Local e ao persoal e alumnos do curso de animación sociocultural do obradoiro “PorrempregoII” que coa súa colaboración farán posible que todos poidamos gozar da visita dos tres Reis Magos a Porriño”.











