Os premios do XV Concurso de Escaparates de Silleda entregaránse o venres 9 de xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

Os premios do XV Concurso de Escaparates do Concello de Silleda entregaránse finalmente o vindeiro venres día 9. O acto, que tradicionalmente se viña celebrando na xornada de hoxe durante a recepción dos Reis Magos na Casa da Cultura, decidiu pospoñerse para non solapar actividades. A cita será pois o venres ás 14.15 horas na Sala de Xuntas do Concello.

Na edición deste ano o primeiro premio, outorgado polo Concello de Silleda foi para Óptica Silva. Está dotado con 200 euros e diploma e unha cea para 2 persoas, por xentileza do Hotel Vía Argentum.

 O premio ao escaparate máis orixinal e innovador recaeu en Floristería Marbelis, e conta con 150 euros e diploma, (premio outorgado por Espina y Delfín, e un acceso para dúas persoas ao circuito termal do citado hotel de Silleda.

O premio ao escaparate máis comercial con exposición do produto, dotado con 100 euros en billetes de ECOS para mercar establecementos asociados, e unha merenda para 2 persoas en Vía Argentum é para Sistemas Integrales.

O xurado estivo presidido polo concelleiro de Comercio, Luis Rodríguez, e formado por alumnos e alumnas do Ciclo Superior de Comercio e Márketin do IES Pintor Colmeiro, en concreto por Patricia Pampín Rodríguez, Carla Rodríguez Campos, María Núñez Rodríguez e Sergio Esperante Lugo, baixo a coordinación da profesora e responsable do ciclo María Helena González. Por parte da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Silleda (ECOS) participou o seu presidente, Alberto López Iglesias e como secretario actuou o traballador municipal Alfredo Abeledo.

En total participaron 58 establecementos (54 de Silleda e 4 da Bandeira) que decoraron con interese e espíritu comercial e navideño os seus escaparates.

5 de xaneiro de 2015 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.