Os escolares de Atios conmemoran o Día da Paz cunha carreira solidaria
A copiosa chuvia que caeu sobre Porriño esta mañá non impediu que a xornada do Día da Paz se vivise forma especial no CEIP Plurilingüe de Atios. Por terceiro ano consecutivo, este centro educativo organizou unha carreira solidaria na que participaron 200 escolares de infantil e primaria, xunto aos seus pais e profesores; que non dubidaron en poñerse o chándal para gozar dunha xornada deportiva cun encomiable fin, axudar ás familias máis necesitadas do noso municipio.
E é que, ao recoller o seu número, nenos e maiores doaron alimentos non perecedoiros e produtos de aseo e hixiene persoal que, posteriormente, o programa municipal de alimentos SOS Porriño distribuirá entre os máis desfavorecidos.
Malia que inicialmente estaba previsto que se disputase unha carreira nas inmediacións do colexio, o mal tempo obrigou a trasladar as actividades ao interior do pavillón do centro. Cambio de plans pero non de intención, xa que finalmente se celebraron diferentes probas de atletismo e obstáculos que permitiron cumprir os dous obxectivos do evento: gozar xuntos dunha divertida xornada deportiva e ter un xesto solidario con aqueles que máis o necesitan.
A concelleira de Benestar Social, Teresa Veloso, que participou esta mañá nas actividades, quixo agradecer ao centro, en nome do Concello e de SOS Porriño, esta iniciativa que, ademais da repercusión directa que supoñen as doazóns, está cargada dun enorme cariz educativo ao fomentar valores como a empatía e a solidariedade entre o alumnado do centro.











