O Porriño aproba a posta en marcha do plan de transporte metropolitano
O Concello do Porriño celebrou hoxe unha sesión plenaria, de xeito simultáneo nos trece concellos da área Metropolitana, exceptuando Vigo, onde se aprobou a vinculación do noso municipio ao “Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Transporte Metropolitano de Galicia na Área de Transporte Metropolitano de Vigo”; proposta avalada polo Concello do Porriño para facilitar aos cidadáns un sistema de transporte público e coordinado, que supoña unha alternativa ao uso do vehículo propio á hora de desprazarse a Vigo.
Ao igual que noutros concellos do ámbito, son moitos os porriñeses que se desprazan a diario a Vigo, sen contar ata o momento cun eficiente e cómodo sistema de transporte público.
“O Plan de Transporte Metropolitano está a obter resultados incuestionables nas áreas onde está implantado Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo”, afirma o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “Os veciños do Porriño, ao igual que os do resto dos concellos do ámbito de Vigo, deben gozar dun servizo de transporte público eficaz que lles permita, por un lado desprazarse a calquera dos municipios da área sen ter que usar o seu vehículo propio, e por outra parte, poder gozar das bonificacións dun sistema público de transporte que non presente as carencias que ata o momento viñamos padecendo”.
Con este novo plan, baseándose na colaboración entre administracións e nunha maior coordinación dos servizos, preténdese dar unha nova concepción do transporte público que repercuta nun servizo de calidade para o usuario e nunha mellora notable da accesibilidade. Deste modo, aplicaranse tarifas simplificadas e fomentarase o uso dos diferentes modos de transporte facilitando, por exemplo, o transbordo de xeito gratuíto ao usuario. O novo proxecto inclúe tamén axudas e bonificacións coa implantación da nova tarxeta de transporte, que permitirán ás familias un aforro considerable.











