O Porriño adhírese ao punto xeral de entrada de facturas electrónicas
Os provedores do Concello do Porriño poderán presentar facturas electrónicas de xeito rápido e sinxelo a través da plataforma web FACe. O Concello dá un paso máis no fomento do acceso aos servizos de administración electrónica adheríndose á plataforma FACe, do punto xeral de entrada de facturas electrónicas que o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas pon a disposición do resto das Administracións.
Deste modo os provedores que así o desexen poderán conectar os seus sistemas de facturación con FACe e remitir así as súas facturas ao Concello do Porriño ou a calquera outra administración. Esta plataforma ofrece tamén a posibilidade de consultar o estado das facturas presentadas ou solicitar a súa anulación.
Esta modalidade de factura expídese e recíbese en formato electrónico, converténdose nunha alternativa á tradicional en papel, tendo os mesmos efectos legais que estas, se ben está condicionada ao consentimento do seu destinatario.
“As vantaxes desta modalidade de facturación son múltiples, destacando a redución dos custos e dos tempos de envío, á vez que achega ao proceso unha maior seguridade ao reducir considerablemente o risco de falsificación”, explica o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “As novas tecnoloxías son unha ferramenta estratéxica para mellorar os servizos municipais. A adhesión do Concello do Porriño a esta plataforma beneficia de xeito notable aos nosos provedores, ao facer este trámite máis cómodo e sinxelo, á vez que repercute nunha xestión máis eficiente e segura do servizo de facturación”.











