publicidade hoxe

O goberno galego e Concello de Sada asinan o convenio de adecuación da praza da Igrexa Nova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSada
A-
A+
Sinatura do convenio. Foto: M. Fuentes

Sinatura do convenio. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sada, Ernesto Anido, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a adecuación da praza da Igrexa Nova, unha actuación que permitirá solucionar os problemas funcionais e circulatorios que se rexistran neste punto neste ano 2015.

As actuacións contarán cun investimento aproximado de 75.000 euros e serán financiados ao 80% pola Xunta, que achegará 60.000 euros.

A praza da Igrexa Nova está situada sobre a avenida Barrié de la Maza (AC-183), no seu entronque coa avenida Párroco Villanueva e dúas vías que conectan o polígono das Brañas.

Trátase dun ámbito centro-urbano de importancia na vida cotiá dos residentes na vila e dun paso case que obrigado para os visitantes. Esta zona é un punto conflitivo no eido da seguridade viaria, no que se producen retencións debido aos cruces e xiros existentes, situación que se ve agravada polas paradas de autobús situadas en ambas as marxes da avenida Barrié. Esta área tamén rexistra problemas de accesibilidade e mobilidade para os peóns, dado o ancho insuficiente das beirarrúas ou a existencia de vados pouco axeitados.

As obras obxecto do convenio pretenden solventar as deficiencias descritas, polo que contemplan accións como a renovación de pavimentos, mellora da accesibilidade nos percorridos peonís e a reordenación do tráfico no interior da praza mediante unha glorieta no entronque da avenida Barrié e Párroco Villanueva.

Ethel Vázquez explicou que os traballos, unha vez rematados, permitirán unha maior fluidez circulatoria, desconxestionando o tráfico neste contorno; ofrecerá unha maior accesibilidade aos cidadáns e mellorará a seguridade, tanto de vehículos coma de peóns.

A conselleira de Medio Ambiente precisou que con esta adecuación da praza da Igrexa Nova dáse resposta a unha vella demanda dos veciños de Sada, ao tempo que permite seguir avanzando na aposta da Xunta pola mellora da seguridade viaria e por garantir a calidade das infraestruturas que percorren todo o territorio galego.

Reforzo de firme en estradas coruñesas

Por outra parte, Ethel Vázquez tamén salientou que a Xunta comezará a traballar de xeito inmediato, tan pronto as condicións meteorolóxicas o permitan, nas obras de reforzo do firme en distintas estradas desta provincia, que prevén un investimento de máis de 540.000 euros.

Estes traballos comezaron en primeiro lugar na estrada Sada-Mera (AC-163), obras ás que se destinan case 200.000 euros.

Punto limpo en Sada

A conselleira de Medio Ambiente lembrou que o compromiso da Xunta co Concello de Sada non só se centra en melloras viarias senón que se ve ratificado, ademais, coa construción de infraestruturas que inciden na xestión dos residuos domésticos.

Neste sentido, o Goberno galego contempla entre os seus proxectos medioambientais a construción do punto limpo do Monte Perouteiro, na parroquia de Meirás. Segundo concretou Ethel Vázquez, esta actuación, por valor de máis de 290.000 euros, beneficiará moi pronto aos 15.000 veciños de Sada.

14 de xaneiro de 2015 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.