O Concello de Silleda convoca as axudas do transporte universitario e estudantes de ciclos formativos
O goberno municipal de Silleda vén de aprobar as bases que regulan a concesión de bolsas para o transporte, destinados a universitarios/as e estudantes de ciclos formativos que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autonóma, para o primeiro semestre do ano 2015.
A diferencia de anos anteriores, as axudas serán con ingreso directo na conta bancarias dos beneficiarios. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días naturais a contar dende a publicación das bases na web municipal. Esta publicación ven de facerse hoxe venres, polo que o prazo de solicitude estará aberto ata o 7 de febreiro.
O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 300 euros. Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda, e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos. Así mesmo, a reda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 10.000 euros.
As solicitudes deben de presentarse na Casa da Cultura de Silleda, cumprimentando o formulario anexo as bases e achegando outra documentación. Así, os solicitantes deben presentar fotocopia do seu DNI, da matrícula do curso escolar en curso, copia da renda familiar do exercicio 2013, ou no seu caso certificado da Axencia Tributaria de non telo e certificación bancaria da conta a nome do beneficiario da axuda ou no seu caso do titor/a legal do mesmo.
A concelleira de Educación, departamento que se encargou de elaborar as bases, Pilar Peón, advirte que para aqueles/as estudantes que xa presentaron a documentación na convocatoria anterior (no último trimestre do pasado ano) só será preciso cubrir os anexos I e II que figuran nas bases.
“Tal e como xa anunciaramos en outubro dende a Concellería de Educación, cando se convocaron as bases das axudas para o trimestre último do pasado ano, agora convocamos as subvencións correspondentes a estes seis primeiros meses do ano”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, advertindo que con esta iniciativa dende o Concello se sigue apostando por axudar ás familias cos gastos que supoñen os estudos dos seus fillos/as.











