Nelson Santos e Rafael Louzán visitan as novas instalacións do campo de fútbol “As Reloas”

Rafael Louzán e Nelson Santos na visita ás instalacións
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, acompañou esta tarde ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, na súa visita ao terreo de xogo do equipo de fútbol de San Salvador de Budiño. O tamén presidente da Federación Galega de Futbol puido comprobar de primeira man o estado das instalacións tras a reforma integral á que foi sometido o campo das Reloas.
O Concello do Porriño, acometeu o acondicionamento xeral das instalacións do campo e a dotación de céspede artificial do terreo de xogo do equipo de fútbol de San Salvador de Budiño. Este proxecto de mellora, similar aos xa existentes no Complexo Deportivo Lourambal, en Atios e en Pontellas, requiriu un investimento de case 300.000 euros que o Concello acometeu con fondos propios, despois de contar ademais coa colaboración da Deputación de Pontevedra nos traballos de nivelación do terreo, ao encontrarse este a un nivel baixo sufrindo inundacións con frecuencia.
O concelleiro de Deportes, M. Alejandro Lorenzo, explicaba que “o cesped artificial de monofilamento con tres nervios, debaixo do cal se incorpora unha base amortecedora para unha maior confortabilidade, fará máis forte e duradeiro no tempo o terreo de xogo para que os xogadores poidan gozar dun campo de características e prestacións óptimas”.
Deste modo cúmprese o compromiso contraído entre o Concello e o Club de Fútbol San Salvador de Budiño, de dotar dun novo e sofisticado terreo de última xeración. Ademais, ampliáronse os vestiarios, renovado as bancadas, colocáronse novas portarías, acondicionouse o peche do campo e instalouse un sistema de rego automático e de drenaxe.
“A mellora das instalacións suporá un relanzamento a nivel deportivo do club”, asegurou o rexedor “O club San Salvador de Budiño, malia non contar cunhas instalacións á súa altura impedindo en moitas ocasións a súa actividade deportiva, conta cunha directiva humilde que traballou duro nos momentos difíciles conseguindo subir a Segunda Rexional. Estou convencido que dispoñer dunhas instalacións axeitadas potenciará e impulsará o desenvolvemento deportivo do Budiño. Tendo en conta a importante canteira do Budiño, estou seguro de que coas renovadas instalacións de “As Reloas”, todos os porriñeses poderemos gozar vendo emerxer novos valores”. Nelson Santos, quixo agradecer á directiva o seu traballo e á Deputación de Pontevedra a súa colaboración e concluíu “O Concello seguirá investindo na mellora das infraestruturas deportivas, como ata agora o veu facendo”. E é que, neste momento estanse a levar a cabo melloras nas instalacións doutros dous campos da nosa localidade, o de Mosende e o de Atios.
Pola súa banda, Rafael Louzán, afirmou que “o que piden a maioría dos clubs son unhas instalacións dignas, e hoxe puiden comprobar que aquí se fixo un excelente aproveitamento dos recursos despois de conseguir unhas instalacións cómodas e próximas á parroquia”. O presidente da Federación Galega de Fútbol concluíu “Porriño ten un nivel deportivo importante, non recordo agora mesmo ningún municipio galego que teña no seu haber tres clubs de fútbol xogando en Rexional Preferente, e iso é grazas ao esforzo que está a realizar o Concello nesta materia e ao respaldo económico que está a dar ao deporte”.











