Música e tradición dan a benvida ao ano no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Porriño deu a benvida ao novo ano ao ritmo das tradicionais rondallas, na que xa é unha cita ineludible da programación do Nadal do noso municipio. Nesta duodécima edición da Mostra de Rondallas, desfilaron polas instalacións do Polideportivo Municipal tres formacións: a rondalla Santa Eulalia de Mos e as anfitrionas, as rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios.

Así, ás 17:30 horas abriuse a mostra co tradicional pasarrúas, que arrancou no Centro Cultural Municipal para percorrer posteriormente as rúas do centro, nunha tarde na que o tempo acompañou permitindo que música e tradición se unisen no nadal porriñés para desfrute das numerosas persoas que esperaban os máis de 400 músicos ao longo do percorrido que lles levaría ao Polideportivo Municipal.

Unha vez alí, máis de 3000 persoas puideron gozar dun certame que non defraudou a ninguén. Baixo a batuta dos seus directores e seguindo os grupos de abandeirados, cada unha das formacións actuou durante doce minutos nun certame de carácter participativo, no que como cada ano, especialmente as rondallas anfitrionas, puideron sentir a calor dun entregado público.

1 de xaneiro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.