Lourobodas abriu as súas portas con múltiples propostas para organizar a voda perfecta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Lourobodas

Lourobodas

A segunda edición da Feira de Vodas de Porriño “Lourobodas”, na que máis de dúas decenas de expositores de peiteado, xoiaría, viaxes ou fotografía, entre outros, ofrecen as súas propostas aos futuros noivos, abriu as súas portas ao público esta mañá nun dos salóns do Restaurante Manolo.

O alcalde do Porriño, Nelson Santos, e varios membros da corporación local acompañaron aos organizadores do evento no acto inaugural que deu o pistoletazo de saída a dúas xornadas nas que Porriño ofrecerá todos os servizos necesarios para organizar unha voda.
“A nosa intención é facilitar as cousas a aquelas parellas que non teñen a man unha feira grande destas características, persoas do Porriño e da bisbarra,” explica José Manuel Fernández, un dos organizadores do evento, “Baixo esta premisa, un grupo de emprendedores locais decidimos poñer en marcha este escaparate, que engloba todo o necesario para a celebración dunha voda. A pasada edición obtivemos unha resposta moi positiva, polo que decidimos embarcarnos na organización da feira deste ano con máis propostas e servizos. “

A organización dun enlace require ter en conta moitos detalles, coa conseguinte busca de cada un destes servizos. “Lourobodas” naceu o pasado ano coa intención de facilitar aos futuros contraentes a preparación de tan sinalado día, reunindo nun mesmo lugar unha ampla oferta de propostas e últimas tendencias no sector das vodas.

Así, hoxe e mañá de 11:00 a 21:00 horas, 22 firmas mostrarán os seus produtos e servizos para que os futuros noivos poidan encontrar unha oferta de calidade que se axuste ao seu presuposto. Servizos fotográficos, ornamentación floral, moda, xoiaría, gastronomía, peiteado ou transporte son algunhas das propostas que «LouroBodas» pon á nosa disposición. Os asistentes tamén poderán gozar de exhibicións en directo de baile, moda, peiteado ou coctelería.

José Manuel Fernández, organizador do evento, quere animar os futuros noivos a achegarse a Porriño este fin de semana e gozar destas xornadas, ademais destaca que «haberá importantes descontos naqueles produtos e servizos que sexan contratados durante os días que dure a feira, ademais de sortear entre os asistentes 2000 euros en promocións das firmas participantes».

Pola súa banda, o alcalde do Porriño, Nelson Santos quixo felicitar ás 22 empresas participantes nesta feira e aplaudir esta iniciativa que, ademais de supoñer un reclamo de visitantes durante estes días, constitúe un importante elemento de dinamización e posta en valor da oferta e servizos que ofrece o comercio local”.

31 de xaneiro de 2015 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.