Licitada a redacción dos proxectos de sendas peonís e carrís bici a executar nas estradas autonómicas da Terra Chá
A Xunta de Galicia licita hoxeun contrato destinado a analizar os treitos de estradas autonómicas da comarca da Terra Chá nos que resulta conveniente executar sendas peonís ou vías ciclistas en estradas de titularidade autonómica para fomento da mobilidade sostible. O Goberno autonómico inverterá máis de 100.000 € na redacción do estudo, no que se proporán actuacións concretas que favorezan os desprazamentos a pe ou en bicicleta. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas utilizará o produto destes traballos para programar un investimento de máis de 28 millóns de € de fondos europeos que o presuposto comunitario 2014-2020 destina ao fomento da mobilidade sostible en Galicia.
Este contrato enmárcanse nun conxunto de actuacións que a Consellería de Medio Ambiente está a desenvolver para impulso das formas de transporte menos contaminantes, das que se derivarán importantes melloras medioambientais ao reducir a pegada de carbono.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez está a traballar no só acometendo melloras na rede viaria que faciliten a migración cara os desprazamentos en bicicleta ou peonís, senón tamén na adopción de medidas que favorezan a utilización do transporte colectivo (como a execución de aparcadoiros disuasorios) ou de medios de transporte público, mediante plans de transporte metropolitano, xa implantados ou en análise nas principais cidades.
Mediante o estudo que hoxe se licita se analizará a situación actual en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas na rede de estradas autonómica, e se proporán actuacións concretas para favorecer unha mobilidade urbana e interurbana mais sostibles. De xeito especial, analizarase a execución de sendas que permitan unha conexión urbana – rural para evitar a utilización do vehículo privado de curto e medio percorrido.
Ordenando os distintos modos de transporte mellorarase ademais a seguridade viaria, estabilizando a circulación con velocidades mais homoxéneas e menores interferencias entre os distintos usuarios das estradas.
A área de estudio centrarase na comarca da Terra Chá, formada polos seguintes concellos: A Pastoriza, Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Vilalba e Xermade, polo que o contratos licitado no día de hoxe suporá un beneficio para os máis de 350.000 habitantes desta comarca lucense.
O orzamento de licitación deste contrato de servizos, IVE incluído, será de 102.943,88 €, e o prazo para a redacción dos estudos iniciais e do posteriores proxectos será de 12 meses.
Ademais deste contrato, a consellería licita tamén no día de hoxe outro estudo para identificación de sendas na comarca de Santiago, ao que hai que engadirlles os licitados recentemente para as comarcas de Vigo, A Coruña, Bergantiños, O Salnés e Ferrol.
Estas sete áreas de estudo foron seleccionadas tendo en conta o resultado dunha análise multicriterio na que se valoraron, para cada comarca galega, a poboación, a lonxitude da rede autonómica e dos treitos urbanos de estrada, e os incidentes rexistrados nos últimos anos nos que se viron involucrados peóns.
Traballos a desenvolver mediante o contrato
O contrato que hoxe licita a Axencia Galega de Infraestruturas comprenderá dúas actuacións diferenciadas: en primeiro lugar, realizarase un estudo inicial de identificación de sendas na Terra Chá, no que se analice a situación actual na área de estudo en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas e se propoña a realización de actuacións concretas para resolver a problemática que poida detectarse; en segundo lugar, redactarase un proxecto construtivo no que se desenvolverán as actuacións identificadas coma necesarias.
O estudo inicial de identificación de sendas centrarase en relacionar os focos de atracción de peóns e/ou ciclistas (incluíndo focos de tipo comercial, sanitario, relixioso, deportivo, lúdico, industrial, residencial,…) cos seus puntos de xeración correspondentes (fundamentalmente residenciais). A continuación, deduciranse as rutas peonís e/ou ciclistas que os deberían de unir, identificando aquelas xa existentes, as xa planificadas, e outras onde podería ser necesario executar algún tipo de senda.
A continuación, realizarase unha análise comparativa da oportunidade de executar cada un dos treitos de senda identificados, para xerarquizar a proposta de actuación. Para apoiar o sistema de selección, incluirase unha estimación dos obxectivos a acadar coas actuacións propostas, segundo os indicadores que estableza a administración.
Finalmente, redactaranse un proxecto de construción no que se definirán as obras a acometer nos treitos de sendas identificados como necesarios. Co fin de favorecer a integración paisaxística e ambiental das sendas, na redacción dos proxectos de construción aplicaranse criterios para a súa correcta integración no territorio.